Deputación de Lugo

O Pleno aproba un Plan de Medidas Antifraude para que a Deputación poida concorrer e xestionar fondos europeos

Fondos Europeos
Plan de Medidas Antifraude
Un paquete de medidas que terá unha duración indefinida, será revisado de xeito bianual e estará integrado por un código de conducta, un comité independente e responsable e unha avaliación anual de riscos

“É algo no que levamos anos traballando, unha senda para avanzar en materia de transparencia e na prevención da corrupción, que esperamos que sexa un modelo para todos os concellos da provincia”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social

Con este acordo a institución dá cumprimento a un requisito imprescindible para concorrer e executar fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou na sesión ordinaria do mes de maio celebrada este martes un Plan de Medidas Antifraude (PMA), dando así cumprimento a un requisito imprescindible para concorrer e executar Fondos Europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Un paquete de medidas -que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención PPdeG- que terá unha duración indefinida, será revisado de xeito bianual e estará integrado por un código de conducta, un comité independente e responsable e unha avaliación anual de riscos.

“Non é só un requisito, é algo no que levamos anos traballando. Unha senda para avanzar en materia de transparencia e na prevención da corrupción, que esperamos que sexa un modelo para todos os concellos da provincia”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. Engadiu o responsable provincial que ademais de ser unha medida que permitirá á institución provincial acceder aos Fondos Europeos, é un paso máis do que supón “un cambio cultural” iniciado nos anos 2018 e 2019. Rivera Capón lembrou que a Deputación xa incorporou neses anos medidas anticorrupción no regulamento da asesoría xurídica e foi pioneira na sinatura dun protocolo do Consello de Contas.

Entre os obxectivos do PMA aprobado este martes está o de instaurar na Deputación de Lugo unha cultura antifraude e de “tolerancia cero” que dará lugar á formación de todo o seu persoal adecuadamente e permitirá previr, detectar, corrixir e perseguir calquera conducta que poida constituír fraude, conflito de intereses, corrupción, dobre financiamento ou irregularidade.

Os destinatarios deste Plan serán todos os empregados e empregadas da Deputación, altos cargos e autoridades, pero tamén toda persoa ou entidade que participe nos procedementos abertos pola institución e nos que se executen fondos do PRTR.

Tal e como explicou o Deputado de Promoción Económica, este paquete de medidas terá unha duración indefinida, será revisado cada dous anos e estará integrado por un código de conducta, un comité independente e responsable e unha avaliación anual de riscos onde serán obxecto de avaliación 129 cuestións que teñen que ver con subvencións, contratacións, convenios ou encargos a medios propios.

Neste sentido, a Corporación provincial xa aprobou no Pleno do pasado mes de xaneiro -e por unanimidade dos tres grupos políticos con representación na cámara provincial- unha declaración na que  expresa o compromiso co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e adhesión da institución provincial aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, cunha oposición á fraude e á corrupción en calquera das súas formas.