Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo renova a súa colaboración coas Xornadas Xurídicas de Sarria

Xornadas xurídicas
Sarria
“O concello sarriano e a provincia convértense un ano máis nunha cita obrigada do debate sobre a actualidade xurídica e os retos que a evolución social propón á ciencia do Dereito”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social na inauguración da 15ª edición do encontro, que aborda a intelixencia artificial

Pablo Rivera valorou que dende o seu inicio as xornadas se caracterizan por “combinar a calidade dos expertos que nelas interveñen co seu afán divulgador, de maneira que as conclusións sexan de utilidade para o conxunto da sociedade”

A Deputación colabora coa retransmisión en streaming das distintas conferencias grazas ao servizo provincial de Audiovisuais

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na inauguración das XV Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, que nesta edición están centradas na relación entre a intelixencia artificial e o dereito.  O acto tivo lugar na Casa da Cultura sarriá e contou tamén coa presenza do Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do voceiro do Consello Xeral do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández, do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e os directores das xornadas, entre outras autoridades. 

Rivera Capón subliñou o apoio que a Deputación prestou dende o seu inicio á organización destas xornadas, e este ano colabora coa retransmisión en streaming das distintas conferencias grazas ao servizo provincial de Audiovisuais.

“Un ano máis, Sarria e a provincia de Lugo convértense nunha cita obrigada do debate sobre a actualidade xurídica e os retos que a evolución social propón á ciencia do Dereito”, indicou. “Poucos temas de maior actualidade, con carácter xeral, que o desenvolvemento da intelixencia artificial, a combinación de algoritmos, redes sociais e as novas tecnoloxías está cambiando a relación e o funcionamento da sociedade”, apuntou. 

Oportunidades e retos da intelixencia artificial

O Deputado fixo fincapé que, como queda referenciado no enfoque das xornadas, “o uso da intelixencia artificial está chegando tamén ao mundo da Xustiza ou da investigación criminal. Sen dúbida, detallou, “ábrense enormes posibilidades á hora de xuntar probas, axilizar procesos ou acceder a un maior volume de datos” e,  á súa vez, indicou, “é noticia nos medios que as novas tecnoloxías están dando lugar a novos tipos de delitos para os que a sociedade necesita respostas eficaces e información fidedigna”. 

Unha cita de primeiro nivel

Na súa intervención, Rivera Capón salientou que as Xornadas Xurídicas de Sarria dende o seu inicio se caracterizaron por “combinar a calidade dos expertos que nelas interveñen co seu afán divulgador, de maneira que as conclusións sexan de utilidade para o conxunto da sociedade”. “Dende a Deputación de Lugo vimos colaborando co encontro, que reforza a proxección de Sarria e o conxunto da provincia de Lugo como sede de congresos e ou simposios de primeiro nivel”, afirmou. 

Nese sentido, e referíndose aos expertos asistentes, “gustaríame destacar e agradecer a presenza do Fiscal Xefe da Unidade de Extradición do Reino Unido, Marc Robinson, porque creo que apostar polo perfil internacional das xornadas é un acerto polo que quero felicitar aos seus organizadores”. 

As Xornadas Xurídicas de Sarria, celébranse entre hoxe e mañá na Casa da Cultura da localidade, e pódense seguir en directo a través de YouTube grazas á retransmisión realizada polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, no marco da colaboración que a institución ten con esta prestixiosa cita.  Este ano as conferencias das dúas xornadas terán recoñecemento universitario, de maneira que o alumnado da UNED de Lugo conseguirá 0,5 créditos.