A Deputación sube a preto de 20.500€ a achega económica para impulsar o Festival Aturuxo de Bravos
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-06/WhatsApp%20Image%202022-06-04%20at%202.12.41%20PM.jpeg)
O festival “contribúe a difundir e poñer en valor a nosa riqueza cultural, a música e tradicións e, ao mesmo tempo, dinamiza a vida social e a económica do rural”, subliñou Roberto García Pernas
A presentación, que tivo lugar en Bravos, serviu este sábado como antesala ao propio festival, que se celebrará os días 29 e 30 de xullo
O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este sábado na presentación do Festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os vindeiros días 29 e 30 de xullo, unha cita gratuíta coa que colabora a Deputación cunha achega económica de preto de 20.500€. No acto, que tivo lugar no local social desta parroquia do concello de Ourol, participou tamén o Alcalde do municipio mariñán, José Luis Pajón, e a responsable da asociación Aturuxo de Bravos, María del Carmen Rivera Vidal.
García Pernas destacou que “dende a Deputación colaboramos con esta festa dende hai uns anos, pero nesta edición quixemos facer unha colaboración especial, acorde ao cartel e á programación organizada”. Neste sentido, o Deputado sinalou que a institución subiu a achega económica, canalizada a través dun convenio de colaboración co Concello de Ourol, ata os 20.450€”.
“Valoramos moito a capacidade da organización para lanzar un programa moi atractivo con artistas como a Banda da Loba, que actúa hoxe, pero tamén a grupos como Rebeliom do Inframundo, Os Festicultores, Machina, Pesdelán, Pulpiño Viascón e o espectáculo de humor de Peter Punk”, asegurou o Deputado.
Roberto García engadiu que o festival “contribúe a difundir e a poñer en valor a nosa riqueza cultural, a música e tradicións e, ao mesmo tempo, dinamiza a vida social e a economía no noso rural, e atrae un turismo de calidade e sostible, o modelo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo porque coida o patrimonio e deixa valor no territorio”.
Para Roberto García, a organización deste certame en Bravos “pon en evidencia o que defendemos dende a Deputación. O noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de propostas. O que necesita son políticas públicas para saír adiante”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para convidar aos veciños e veciñas da comarca e da provincia a achegarse a Ourol “para gozar deste festival único e gratuíto, e para coñecer a parroquia de Bravos, un lugar que conta con moita tradición e historia”.
A presentación, que serviu como antesala ao propio Festival Aturuxo, contou cunha actuación da Banda da Loba, sesión vermú, xantar popular e diferentes actuacións musicais.
![Banda da Loba](/sites/deputacionlugo.org/files/inline-images/WhatsApp%20Image%202022-06-04%20at%202.12.41%20PM%20%281%29.jpeg)