Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación aporta medio millón de euros ao Concello de Vilalba para reurbanizar a rúa da Pravia

O Presidente destacou que se trata dunha actuación importante “porque é unha das vías que máis tráfico acumula no municipio e na que que se atopan un bo número de locais comerciais e hostaleiros”

A Deputación achegará 250.000€ a través dun convenio de colaboración que o mandatario provincial xa asinou coa Alcaldesa e outros 250.000 a través do Plan Único, mentres que o Concello aportará 435.774,25€ para facer realidade a obra

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou xunto coa Alcaldesa de Vilaba, Elba Veleiro Fernández, no Pazo de San Marcos, un convenio de colaboración para a reurbanización da rúa da Pravia por un importe de preto de 1M€. Un proxecto co que a institución provincial colabora aportando máis da metade do investimento necesario, un total de medio millón de euros, a través de dúas vías: 250.000€ a través deste acordo e outros 250.000 a través do Plan Único 2022. Pola súa banda, o Concello chairego aporta un total de 435.774,25€ para facer realidade esta actuación.

Este proxecto para a rúa da Pravia consistirá no cambio a dirección única da vía e a construción dunha rotonda en cada un dos seus extremos para resolver os problemas de tráfico existentes, mellorando a fluidez e ampliando o espazo peonil coa integración dos espazos nunha plataforma única que mellorará as prestacións dunha das principais rúas do municipio. Tamén está previsto dotar a esta vía dunha nova rede de alumeado con tecnoloxía LED, en base a criterios de eficiencia e aforro enerxético, e a mellora integral da rede de abastecemento e de saneamento.

A rúa contará cun carril central para o paso de vehículos rodados de 3 metros e, nas súas marxes, bandas de máis de dous metros de pavimentos permeables, que alternarán os aparcadoiros coas zonas verdes. Polo que respecta á nova rede de abastecemento, virá a solucionar os problemas existentes. Tamén está previsto dotar a esta vía de seccións soterradas para as redes aéreas de telecomunicacións e electricidade. 

O Presidente subliñou a importancia do apoio económico da Deputación ao Concello de Vilalba porque permitirá “mellorar os servizos públicos e dinamizar a economía do municipio chairego” ao actuar nunha das vías que máis tráfico acumula no municipio e na que se atopan un bo número de locais comerciais e hostaleiros.

José Tomé enmarcou esta actuación no compromiso da Deputación de cooperar cos concellos. “Esta é a nosa función esencial, colaborar cos 67 concellos da provincia na medida das posibilidades e dos recursos da institución para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas”, asegurou.

Outros investimentos no concello chairego

A Deputación de Lugo inxecta no Concello de Vilalba 500.000€ a través do Plan Único 2022, que inclúe diferentes liñas de actuación, como a mellora de infraestruturas, creación de emprego e o Servizo de Asistencia no Fogar. Por outra banda, a institución provincial tamén ten comprometida a terceira anualidade dos 680.000€ que destinará para creación dun parque acuático na área da Madalena.