O Presidente da Deputación recibe a máxima distinción do Club Fluvial de Lugo
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-06/090622%20Visita%20ao%20Club%20Fluvial%20de%20Lugo.jpg)
“O Club é un auténtico referente da vida social, de lecer e cultura, pero sobre todo, no ámbito do deporte, tanto na cidade de Lugo, como na provincia e tamén en Galicia”, destacou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves as instalacións do Club Fluvial de Lugo xunto ao presidente da entidade, Modesto Teijeiro Valledor; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e representantes da directiva da entidade. Trátase da primeira visita institucional do mandatario provincial a este centro deportivo de referencia do que goza a veciñanza lucense a carón do río Miño.
José Tomé recibiu a máxima distinción do Club e asinou no Libro de Ouro da entidade, asegurando que “é unha verdadeira honra que pensaran en min para recibir este recoñecemento”. “O Club é un auténtico referente da vida social, de lecer e cultura, pero sobre todo, no ámbito do deporte, tanto na cidade de Lugo, como na provincia e tamén en Galicia. Unha intensa actividade que ten un retorno moi importante para o emprego e para a economía”, indicou o Presidente.
Nesta visita, percorreu as instalacións que serven de espazo de adestramento tamén para os deportistas que acumulan as preto de 650 licencias nas catro seccións deportivas da entidade: piragüismo, natación, tenis e atletismo. Un dato que referencia “o compromiso, o traballo e o ánimo para seguir adiante da directiva e do conxunto das persoas que forman parte desta institución”, afirmou o Presidente.
“Dende a Deputación desexamos seguir mantendo unha relación boa e fluída co Club Fluvial de Lugo”, sinalou Tomé Roca, ao tempo que trasladou o seu compromiso para seguir traballando xuntos no desenvolvemento e no progreso da provincia de Lugo.
A Deputación cedeu recentemente ao Concello de Lugo a vía provincial LU-P-2911, denominada Fermín Rivera, co obxectivo de permitir unha xestión máis áxil para o mantemento dos servizos que alberga esta vía e para a ordenación do tráfico rodado e peonil, nun treito que dá acceso ao Club Fluvial e á igrexa de San Lázaro.