Deputación de Lugo
Formación

A Deputación aproba a cesión gratuíta á USC dos terreos necesarios para construír no Campus a Facultade de Formación do Profesorado

USC
Campus Terra
A Xunta de Goberno acordou este venres a concesión demanial á Universidade de Santiago ata o ano 2058 do uso dun total de 16 parcelas cunha superficie total de case 7.500 metros cadrados e situados ao carón de Humanidades para trasladar á zona universitaria esta actividade docente

Aprobada tamén unha proposta para elevar ao Pleno a ampliación da cesión doutras 8 parcelas cunha superficie conxunta de 200.570 metros cadrados que ocupan facultades, centros de investigación e outros servizos educativos do Campus

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a cesión gratuíta á Universidade de Santiago de Compostela (USC) dos terreos provinciais necesarios para construír no Campus a Facultade de Formación do Profesorado.

Así, segundo anunciou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, a institución acordou a concesión demanial gratuíta ata o ano 2058 do uso de 16 parcelas cunha superficie total de case 7.500 metros cadrados a favor da USC para ampliar o Campus e trasladar ao mesmo a Facultade de Formación do Profesorado, que actualmente está situada na Avenida Ramón Ferreiro e onde o inmoble resulta limitado para acoller esta actividade docente. Os terreos cedidos localízanse ao carón da Facultade de Humanidades.
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou elevar ao Pleno a aprobación dunha proposta para ampliar tamén ata o ano 2058 a cesión da Deputación á Universidade de Santiago doutras 8 parcelas cunha superficie conxunta de 200.570 metros cadrados, que ocupan facultades, centros de investigación e outros servizos educativos do Campus. 

En concreto, son os terreos ocupados pola Escola Politécnica Superior e a súa ampliación; polo edificio CACTUS; polo complexo docente que abrangue Relacións Laborais, Enfermería e Humanidades; a superficie que ocupa a Facultade de ADE; a do IBADER; e tamén as que compoñen a Biblioteca e a Carballeira, a Facultade de Veterinaria, CEBIOVET, o Rof Codina, a Vagoada e o Anfiteatro, a ocupada por Raiolas, polo Quiosco de Augas Férreas, polo INSERSO para o Centro de Atención Especializada e polo Centro San Vicente de Paul.