Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación licita por case 1M€ a dotación de equipamento e as prestacións básicas para abrir este ano a residencia de Ribas de Sil

Ribas de Sil
rede de centros de atención a maiores
A Xunta de Goberno aprobou estes dous acordos que servirán para contratar as prestacións básicas deste Centro de Atención a Maiores por un importe de 610.000€ e adquirir o equipamento necesario por 332.000€

A institución provincial solicitará medio millóns de euros de fondos europeos para acometer un proxecto demostrativo que consistirá na apertura de tres oficinas técnicas en diferentes concellos da provincia, dende as que se traballará para a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento

A Deputación de Lugo deu este venres dous pasos determinantes para poder cumprir coa previsión de abrir este ano o Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil. Trátase da licitación, por un importe conxunto de case 1M€, dos contratos para a dotación de equipamento da residencia, que sae a contratación por 332.000€, e para a prestación dos servizos básicos, cun orzamento de 610.000€. 

Así o anunciou a voceira socialista do Goberno provincial, quen explicou que o contrato de equipamento se divide en cinco lotes: mobiliario xeral; equipos médicos e axudas técnicas; lavandería; cociña; e cortinaxe. O prazo de entrega do material, unha vez asinado o contrato, será de dous meses. 

No caso das prestacións básicas, o período de vixencia do contrato irá dende o vindeiro mes de setembro ata xuño do 2023, coa opción de tres prórrogas anuais.

“Son dous pasos determinantes para poder poñer en funcionamento a residencia de Ribas de Sil”, apuntou García Porto, que engadiu que no que respecta á rede de centros públicos de atención a maiores da Deputación, na Xunta de Goberno deste venres tamén quedou aprobada a licitación do contrato para a prestación de servizos básicos na residencia de Meira por un importe de preto de 710.000€. “Neste caso, o que facemos agora é sacar a licitación un novo contrato para as prestacións básicas, tendo en conta que remata o que está en vigor”, sinalou a voceira.

Por outra banda, a Xunta de Goberno sacou adiante a adxudicación por un importe de 6.000€ do contrato para a prestación do servizo de mantemento integral dos elevadores e das portas automáticas das residencias de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, xa en funcionamento, e de Navia de Suarna e Ribas de Sil, coa previsión de abrir este ano. A adxudicataria é a empresa Schindler SA e o período do contrato é de un ano, coa posibilidade de tres prórrogas máis.

Relacionado coas residencias de maiores da Deputación, a Xunta de Goberno tamén adxudicou por importe de 120.000€ e unha duración dun ano, prorrogable por outro, o contrato de subministración de gasóleo para a calefacción do Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, que polas características das instalacións non ten sistema de gas propano, e doutros inmobles provinciais, como son o Museo Provincial, o edificio Miño -que alberga o Arquivo e a Unidade de Mantemento-, a Granxa Gayoso Castro e o Museo do Pazo de Tor.

 Reto demográfico

A Xunta de Goberno aprobou concorrer a una nova liña de axudas de fondos europeos, neste caso convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para o financiamento de proxectos innovadores impulsados por entidades locais que teñan como obxectivo a transformación territorial, a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento. 

A voceira provincial socialista explicou que a Deputación presentará unha solicitude de medio millón de euros a esta convocatoria para desenvolver un proxecto de carácter demostrativo, que consistirá na creación de tres oficinas técnicas noutros tres puntos distintos da provincia, “dende as que se prestará asesoramento gratuíto e soporte a proxectos tractores que reactiven a actividade socioeconómica e que fomenten a creación e o desenvolvemento de ecosistemas de intelixencia e innovación territorial”.

“En cooperación cos respectivos concellos, as oficinas servirán como punto de apoio local para a atracción de novos veciños e veciñas, e servirán tamén de acollida e integración da poboación migrante, e para impulsar actuacións dirixidas ao desenvolvemento económico endóxeno”, detallou a Deputada.

No caso de que a Deputación resulte beneficiaria destes fondos europeos, terá que cofinanciar o proxecto cunha aportación que non superará os 55.000€.

Cooperación cos concellos

Este venres, a Xunta de Goberno acordou a sinatura de dous convenios de colaboración cos concellos de Foz e Samos “para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, sinalou a voceira socialista do Goberno.

No caso de Foz, a Deputación destina 543.699,46€ para a humanización das rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e a Praza de Galicia, unhas arterias de comunicación importantes para esta vila mariñana. O Concello achegará máis de 224.000€ para materializar este convenio, que, desta forma, ten un importe total de 767.720€.

Polo que respecta a Samos, a institución provincial aportará ao Concello 205.730€ para acometer a mellora dos accesos aos núcleos de Lastres, Bustofrío, Gosende e Outonín; para renovar a pavimentación da vía que conecta A Veiga e Sivil e do camiño de Lulle a San Román; e para a renovación do abastecemento de auga en Vilaceite e Lamartín.

Seguros

Por outra banda, a Xunta de Goberno provincial deu o visto bo á licitación dos servizos de mediación e asesoramento en materia de aseguramento da Deputación de Lugo. Trátase dun servizo de asistencia técnica especializada en materia de aseguramento para a identificación e análise dos seus riscos, elaboración dos pregos dos seguros para contratar, posta en marcha de coberturas ou a xestión de seguros que requira a institución.

Este contrato non terá custo para a Deputación, porque o adxudicatario será retribuído polas entidades aseguradoras coas que se contraten as correspondentes pólizas, de acordo co uso e práctica do mercado e coa lexislación aplicable. A duración deste contrato será de dous anos, coa posibilidade de prorrogalo por dous máis.

Remanentes do Plan Único para Cervo

Outro dos asuntos que saíu adiante foi a solicitude do Concello de Cervo para destinar remanentes do Plan Único 2021 a novas actuacións, en concreto, a cantidade de 27.300€ para a renovación da rede de abastecemento nos núcleos de Alleira e O Cal.

Ampliación do prazo dos Premios de Turismo

A Xunta de Goberno aprobou a ampliación do prazo -dende o 15 ao 30 de xuño- para a presentación de candidaturas aos premios Lugo Cambia ó Turismo Lucense; E Para Comer Lugo á Gastronomía Lucense; e Premio Turismo Sostible.