Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación aporta 45.000€ ao Concello de Viveiro para o acondicionamento e drenaxe exterior do Centro Ocupacional

Viveiro
ASPANANE
O Presidente asinou coa Alcaldesa viveirense o convenio de colaboración que fará posible esta mellora necesaria no complexo, xestionado por ASPANANE, unha asociación que atende a 44 persoas con discapacidade intelectual e as súas familias e desenvolve unha labor social moi importante na comarca

José Tomé subliñou que con esta achega económica a institución dá resposta a unha demanda da Alcaldesa, quen mantén un compromiso absoluto con ASPANANE

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ao Concello o 90% do financiamento necesario -preto de 45.000€-, para acometer as melloras necesarias no exterior do Centro Ocupacional do municipio mariñán, xestionado por ASPANANE, unha asociación que atende a 44 persoas con discapacidade intelectual e as súas familias e desenvolve unha labor social moi importante na comarca.  O Concello achegará pola súa banda os 5.000€ restantes para completar o orzamento necesario para acometer as obras, que ascende, desta forma, a un total de 50.000€.

O proxecto contempla o acondicionamento do recinto exterior pechado co que conta este centro, que estará destinado ao lecer dos usuarios e usuarias de ASPANANE. As obras consistirán na ampliación da zona asfaltada, que permita a correcta circulación polo perímetro do edificio, e a creación dunha ampla zona verde para conseguir espazos agradables. Así mesmo, o proxecto inclúe a realización dunha drenaxe perimetral do edificio para evitar así as filtracións de auga no interior do inmoble. 

O Presidente da Deputación subliñou que con esta achega económica a institución dá resposta a unha demanda da Alcaldesa, quen mantén un compromiso absoluto con ASPANANE polo gran traballo que realizan e o seu esforzo diario. Unhas actuacións, explica o mandatario provincial, que servirán para mellorar as infraestruturas desta entidade social que desenvolve un labor primordial para coas persoas con discapacidade intelectual da Mariña. 

José Tomé enmarca esta colaboración no compromiso da Deputación coas políticas sociais, un dos eixos tractores das súa acción de Goberno, ás que dedica máis dun terzo do total do Orzamento, máis de 34M€, cun firme apoio ao labor que fai o tecido asociativo da provincia vinculado co terceiro sector. 

ASPANANE, que conta con 224 socios, é un referente na Mariña na atención de persoas con discapacidade intelectual. A Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro manteñen unha estreita colaboración coa mesma. De feito, a institución provincial tivo un importante papel na mellora e ampliación das instalacións do seu centro ocupacional. ASPANANE presta ademais servizo de atención e asesoramento a todas as familias que o necesiten, actividades deportivas, culturais, lúdicas, obradoiros de carpintería, serigrafía.