Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Presidente participa no acto final das lexións romanas e tribos castrexas que pon o broche de ouro ao Arde Lucus 2022

arde lucus
José Tomé Roca sinalou que esta cita superou todas as expectativas en canto ao alto volume de afluencia, bo ambiente, e niveis de actividade na hostalería

A Deputación de Lugo colabora co Arde Lucus con preto de 40.000€ a través dun convenio co Concello para celebrar o Circo Romano e cunha achega a unha das asociacións máis veteranas para a construción dun campamento

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo no acto final das lexións romanas e tribos castrexas do Arde Lucus 2022. O mandatario provincial acudiu a este acto xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outras autoridades.

“Hoxe remata un Arde Lucus que superou todas as expectativas, que xa eran moi positivas”, manifestou, incidindo no alto volume de afluencia, bo ambiente e elevados niveis de actividade na hostalería”, detallou o mandatario provincial. Subliñou, así mesmo, que resultou moi positivo poder volver a sentir o espírito do Arde Lucus, ser partícipe do sentimento co que vive a xente esta cita, e poder ver como, unha vez máis, Lugo pon en valor a nosa historia e a nosa cultura”, sinalou Tomé Roca.

A Deputación de Lugo aporta preto de 40.000€ para colaborar coa organización do Arde Lucus, a través dun convenio de colaboración co Concello lucense para a celebración do Circo Romano e a través dunha achega a unha das asociacións máis veteranas, a Cohors III Lucensium, para a construción dun campamento singular e orixinal.

Subliñou o Presidente que o apoio da institución provincial á festa responde “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía”. Engadiu José Tomé que o Arde Lucus “é un auténtico revulsivo económico para a cidade, e promociona Lugo e toda a provincia a nivel nacional e internacional”.