Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación apoia á Asociación de Persoas Xordas de Lugo no Día Nacional da Lingua de Signos

asorlu
O Pazo de San Marcos iluminarase esta noite de turquesa atendendo á solicitude de ASORLU, que conta cunha achega da institución provincial de 23.000€ anuais para contratar un intérprete que axude a eliminar barreiras de comunicación

A Deputación de Lugo apoia á Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU) no Día Nacional da Lingua de Signos e esta noite iluminará o Pazo de San Marcos de turquesa. A institución provincial dá así resposta á solicitude deste colectivo, que pretende dar visibilidade e sinalar a importancia do coñecemento desta lingua viso-xestual para a integración das persoas xordas.

A colaboración da Deputación con ASORLU, a través dunha achega anual de 23.000€, permite que esta entidade poida contratar a un intérprete a xornada completa -40 horas semanais- para que os seus usuarios e usuarias poidan eliminar as barreiras de comunicación.

Grazas a este servizo, as persoas xordas da provincia de Lugo poden realizar xestións da vida diaria e ser totalmente independentes, acceder en igualdade de condicións a actos, actividades e servizos imprescindibles como a sanidade, os servizos sociais, a educación, o traballo ou a cultura. Unha medida que contribúe a evitar situacións de illamento, fomenta a participación social das persoas xordas da provincia e mellora a súa calidade de vida.

ASORLU, que naceu en 1975 co fin de mellorar a calidade de vida das persoas xordas e reivindicar os seus dereitos, atende a día de hoxe a 148 usuarias e usuarios na provincia de Lugo. Este colectivo é tamén o encargado da tradución simultánea das sesións plenarias da Deputación de Lugo, para que sexan accesibles a toda a veciñanza. Segundo o censo autonómico de persoas con discapacidade, a provincia de Lugo conta en total cunhas 1.500 persoas con algún tipo de discapacidade auditiva.