Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación acolle esta semana o Curso de Verán da USC impulsado pola Escola de Enfermería

Escola de Enfermería
O Deputado de Participación Cidadá deu a benvida ao estudantado desta formación que, durante tres xornadas, vai adquirir coñecementos en materia de prevención e control do risco cardiovascular

“Esta actividade é un bo exemplo do compromiso continuado dos profesionais da enfermería por seguir avanzando, por actualizar coñecementos e estar sempre en disposición de prestarlle aos pacientes a mellor atención posible”

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este mércores na inauguración do Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela impartido pola Escola de Enfermería. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá esta formación que, dende hoxe ata o venres, aportará coñecementos en materia de prevención e control do risco cardiovacular para detectar, previr e controlar estes problemas de saúde. 

García Pernas aplaudiu o traballo destes profesionais sanitarios durante a pandemia da Covid-19 e celebrou poder recuperar “estes cursos de xeito presencial, así que recibilos hoxe aquí ten tamén un punto de ledicia especial polo que supón de recuperación da normalidade nas nosas vidas”. O responsable da área de Participación Cidadá recordou “a importancia de contar cun sistema público de saúde forte como parte do mellor escudo de protección contra as emerxencias”.

O alumnado analizará o estilo de vida, coñecerá o papel clave do exercicio, a alimentación saudable e os hábitos tóxicos na prevención das enfermidades cardiovasculares, así como o seu desenvolvemento. Tamén porán en práctica técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP). “Esta actividade formativa é un bo exemplo do compromiso continuado dos profesionais da enfermería por seguir avanzando, por actualizar día a día os coñecementos e estar sempre en disposición de prestarlle aos pacientes a mellor atención posible”, destacou o Deputado.

No acto tamén participaron a Concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, a Directora da Escola de Enfermería, Pilar Penela; o director do Curso de Verán da USC, José Vidal Pardo, e o codirector do Curso, Carlos González Juanatey. 

A Deputación, unha aliada do Campus 

A Deputación mantén unha ampla colaboración co Campus de Lugo para o seu funcionamento e mellora da actividade dentro do seu compromiso co ensino superior público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado.  

A institución provincial aporta 370.500€ este ano para dar soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo. A maiores, a Deputación colabora coa Universidade en múltiples iniciativas e proxectos, como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro, a posta en valor da Valgada do Campus ou un convenio para posibilitar que o alumnado da Universidade, de calquera grao ou especialidade, poida completar a súa formación con períodos de prácticas nas dependencias provinciais.