Deputación de Lugo
Formación

O Presidente entrega os diplomas da 18ª promoción do Centro de Formación Audiovisual da Deputación

SERVIZOS AUDIOVISUAIS
graduación
Un total de 21 alumnos e alumnas dos ciclos de Realización e Produción remataron a súa etapa formativa coa Gala de Graduación, que se recuperou despois de dous anos de paréntese pola pandemia

José Tomé Roca destacou o esforzo económico da Deputación, que destina 1,5M€ ao Servizo de Audiovisuais, dentro do seu “compromiso co ensino público e de calidade como ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”

A Gala, inspirada na película El club de los Villanos e organizada e gravada polo alumnado de 1º, incluíu a proxección de traballos feitos polo alumnado de 2º este curso

Do 23 ao 30 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición, e do 12 ao 29 de xullo será o período da matrícula ordinaria, que volve a ser gratuíta

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, entregou este xoves os diplomas aos titulados da 18ª promoción dos ciclos de Realización e Produción do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial. Un total de 21 alumnos e alumnas puxeron fin á súa formación coa Gala de Graduación, que tivo lugar nos xardíns do Centro. No acto de entrega tamén participaron os Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

A Gala, que contou coa presenza de familiares e amigos do alumnado, volveu celebrarse logo da paréntese de dous anos por mor da pandemia, xa que o pasado curso só se organizou unha entrega de diplomas pechada ao público. O Presidente dixo que a celebración de hoxe “é dobre. Por unha banda, festexamos a culminación do paso desta nova graduación pola nosa escola e, por outra, celebramos a volta á normalidade que tanto desexamos todos”.

Formación pública e de calidade
José Tomé destacou “a aposta da Deputación por un ensino público e de calidade, o que implica un importante esforzo económico. Para que o noso alumando saía ao mundo laboral cunha boa preparación, destinamos 1,5 millóns de euros ao Servizo de Audiovisuais”. Neste senso, o Presidente avanzou que “o curso que vén manteremos a matrícula gratuíta, porque na Deputación cremos que o ensino público, universal e de calidade é unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”.
O Presidente valorou que este curso fose posible retomar as prácticas en escenarios reais, “un dos sinais de identidade do modelo formativo que temos implantado nesta escola” porque “é a mellor maneira de que os alumnos saian preparados para o mundo laboral que lles agarda fóra, e de enfrontarse ás situacións e problemas que xorden en tempo real en calquera proxecto audiovisual”. Como exemplos, puxo a retransmisión en directo do Campionato Internacional de Baristas celebrado en Foz e a propia Gala de Graduación de hoxe.

Apoio ao sector audiovisual
Ademais de investir para formar aos mellores profesionais, destacou o mandatario provincial, “dende a Deputación tamén apoiamos directamente á industria audiovisual, lucense e galega, porque é unha vía moi importante para a promoción da provincia, porque crea riqueza e emprego, e tamén porque queremos abrir oportunidades para que os nosos titulados e tituladas poidan traballar na súa profesión e desenvolver o seu talento aquí, na súa terra”.

Este apoio da Deputación ao sector audiovisual materialízase en accións concretas, como, por exemplo foi, lembrou o Presidente, a colaboración coa nova película do lucense Dani de la Torre, Live is life, que se está proxectando na actualidade nas pantallas de cine de toda España e que ten a Ribeira Sacra como un dos principais escenarios de rodaxe. Este traballo “é a mellor proba do talento que hai na nosa provincia e de que, desde Lugo, tamén se pode liderar ou traballar en grandes iniciativas audiovisuais”.

Presentación de proxectos
A Gala de Graduación da 18ª promoción do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, inspirada na longametraxe de Disney El club de los Villanos, foi organizada polo alumnado de 1º de Produción, dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos, e gravada polo de 1º de Realización, no módulo de Planificación da Realización en Televisión.

Durante o acto proxectáronse varios traballos feitos polos novos graduados este curso: un promocional sobre o propio Centro de Formación Audiovisual; o videoclip da canción Honky Tonk Blues de Brendan Shine; e un teaser do documental No se oye, sobre a historia do edificio do CFA, que albergou a Casa Cuna.

Prazo de matrícula
O Presidente da Deputación animou a todos os mozos e mozas da provincia con vocación no eido audiovisual a que se formen na escola da Deputación. Do 23 ao 30 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición para o vindeiro curso. O período da matrícula ordinaria será do 12 ao 29 xullo. Os interesados poden acceder a toda a información sobre os ciclos audiovisuais da Deputación na seguinte ligazón da web provincial: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula