Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coas rutas de promoción da artesanía impulsadas pola Mancomunidade da Mariña

mancomunidade da mariña
turismo
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda destacou que esta actividade “concorda plenamente” co modelo turístico que impulsa a institución provincial, “un modelo sostible e de calidade que deixa valor no territorio, creando actividade económica e emprego, sobre todo no noso rural”

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este venres no Barco Museo Boniteiro de Burela na inauguración das IV Xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía organizadas pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, coas que colabora a Deputación de Lugo. Nesta edición as actividades desenvólvense esta fin de semana e do 23 ao 26 de xuño, comezando en Burela e continuarán nos concellos de Mondoñedo, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo, Riotorto e A Pontenova.

Mayra García defendeu que esta actividade “concorda plenamente” co modelo turístico promovido dende a institución provincial, “un turismo sostible e de calidade que deixa valor no territorio, creando actividade económica e emprego, sobre todo no noso rural”.

As Ruta de Artesanía están incluídas na estreita colaboración que mantén a Deputación coa Mancomunidade de Municipios da Mariña a través dunha achega de 25.000€ para continuar desenvolvendo proxectos de forma conxunta que promovan o turismo na comarca.

Plan Industrial para A Mariña
No marco desta colaboración, a Deputada tamén situou a aportación económica de 81.000€ da Deputación aos concellos da Mariña para que poidan sacar adiante o Plan de Sustentabilidade Turística que lles concedeu o Goberno de España cunha dotación económica total de 2,3M€. Trátase, subliñou Mayra García, dunha “ferramenta moi importante para impulsar o desenvolvemento económico desta comarca, sobre todo cando, lamentablemente, estamos sufrindo unha perda de actividade industrial”.

Neste sentido, a Deputada incidiu en que a institución provincial seguirá reclamando “ás autoridades autonómicas un maior grado de compromiso coa Mariña, que aproveite toda a potencialidade desta comarca, dende un Plan Industrial para A Mariña ata o recoñecemento oficial do Camiño do Mar”.