Deputación de Lugo
Economía
Emprego

García Porto subliña a riqueza vinícola da provincia nunha xornada organizada pola Deputación con Paadín e Peñín

SECTOR VITIVINICOLA
VIÑO
DENOMINACIÓN DE ORIXE
INDICACIÓN XEOGRÁFICA PROTEXIDA
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo inaugurou a Xornada de Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo, que foi un éxito, tanto pola asistencia, con máis de cen persoas participantes, como polo contido, ao contar por primeira vez cunha conferencia conxunta destes dous referentes do mundo da viño

Pilar García Porto destacou a importancia da iniciativa para “promocionar, poñer en valor e impulsar a produción e a comercialización dos viños da nosa provincia”

Manifestou que o sector do viño “é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a nosa identidade cultural”, e indicou que nos últimos tempos xerou importantes sinerxías coa hostalería e o turismo

“A promoción dos viños é parte da nosa política de apoio ao sector primario, pero tamén o facemos porque o sector vinícola é unha ferramenta importante á hora de impulsar políticas transversais que favorezan o equilibrio territorial e fixar poboación”

O broche de ouro ao evento púxoo un Túnel do Viño no que os participantes exerceron como profesionais da cata degustando máis de cen variedades de viños da DO Ribeira Sacra e a IXP Terras do Navia

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou a Xornada de Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo, que organizou a institución provincial con Paadín Eventos este venres pola tarde no Pazo de San Marcos. Un evento pioneiro que foi un éxito, tanto pola asistencia, con máis de cen persoas participantes, como polo contido, ao contar por primeira vez cunha conferencia conxunta de dous referentes do mundo do viño como Luis Paadín e José Peñín Santos.

García Porto explicou que este encontro organizado pola Deputación enmárcase no firme compromiso que a institución provincial ten co sector primario co obxectivo de “promocionar, de poñer en valor e de impulsar a produción e a comercialización dos viños da nosa provincia. Un sector que é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a nosa identidade cultural”. Puxo de manifesto que para iso “contamos cos mellores, con Luis Paadín e con José Peñín Santos, dous referentes absolutos no ámbito da viño”.

Deixou patente que “é un orgullo que os viños da provincia de Lugo sexan o tema de debate que propicia que, por primeira vez nas súas extensas carreiras profesionais, dous expertos da talla de Luis Paadín e José Peñín compartan mesa para ofrecer unha conferencia de maneira conxunta sobre os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, caracterizada pola súa viticultura heroica, e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, que recupera a tradición vinícola da Montaña Lucense”. Fixo fincapé, Pilar García Porto en que a súa presenza no Pazo de San Marcos converteron á sede da institución no escenario “dun encontro histórico para os amantes do viño en Galicia e en España”. 

“Son dous nomes que non precisan presentación, dous apelidos que van ligados ás guías que ambos editan, unhas publicacións indispensables para somerxernos ano a ano no mundo do viño”, puxo en valor a Deputada ao presentalos. Engadiu que “o traballo de Paadín e Peñín recorda que o viño é parte da nosa cultura, pero tamén que precisamos coidar e fomentar a cultura do viño, apostar pola diversidade e polos valores intrínsecos das diferentes denominacións de orixe, e tamén por recuperar variedades de uva como a Blanca Legítima”. 

O viño, un piar do sector primario
Lembrou García Porto que hai anos a cultura do viño limitábase a unha discusión entre partidarios do Rioja e do Ribera del Duero. “Unha discusión que infravaloraba ou simplemente ignoraba outras denominacións, e na batalla pola diversidade, os galegos e galegas tivemos que poñer en valor os nosos brancos e reivindicar a nosa capacidade para elaborar bos viños tintos”. 

A Deputada indicou que a industria do viño é un dos piares fundamentais do sector primario na provincia de Lugo. “Unha industria que xera riqueza, que xera emprego, e que vén desenvolvendo nos últimos tempos unha importante liña de investigación aplicada aos procesos de cultivo e produción”.  Ao mesmo tempo, reflexionou, revelouse como unha “aliada capaz de xerar sinerxías importantes coa hostalería e o turismo, pois a posta en valor dos viños autóctonos xera tamén interese na gastronomía local, e as visitas a viñedos e adegas configuran as súas propias rutas de enoturismo, ou se integran de modo harmónico nunha oferta turística que, no caso de Lugo, combina cultura, patrimonio, paisaxe e gastronomía”. 

Para a Deputación de Lugo, subliñou, a promoción dos viños da Ribeira Sacra ou das Terras do Navia “é parte da nosa política de apoio ao sector primario, pero tamén o facemos porque o sector vinícola é unha ferramenta importante á hora de impulsar políticas transversais que favorezan o equilibrio territorial”. “Políticas que axuden a fixar poboación e que ofrezan á xente nova a posibilidade de desenvolver os seus proxectos profesionais no mundo rural, porque o rural con vides e adegas será sempre un rural vivo, moderno, conectado co mundo, pendente das rutas de distribución, das estratexias de márketing, da evolución da gastronomía e das rutas turísticas”, asegurou. 

Impulso dos produtos autóctonos
A Deputada puxo algúns exemplos de programas e iniciativas que evidencian o compromiso da Deputación no impulso dos produtos autóctonos da provincia. “Os viños da nosa provincia teñen un protagonismo importante en programas de promoción dos produtos autóctonos que impulsamos na Deputación, como o programa Saborea a túa provincia, e tamén as rutas turísticas do programa Coñece a túa provincia, que percorren as paisaxes e bodegas da nosa terra”, resaltou. 

Así mesmo, recordou García Porto que dentro do programa Reiníciate, pensado para fomentar a inserción laboral das persoas en situación de desemprego de longa duración, comezouse a desenvolver un proxecto de formación dirixido a facilitarlle ás empresas do sector vitivinícola man de obra de calidade. 

Conferencia e túnel do viño
Na conferencia, Luis Paadín e José Peñín abordaron as características dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e da Identificación Xeográfica Protexida Terras do Navia, explicando que a súa calidade débese “a unha climatoloxía, a uns solos, a unha diversidade e a unha historia destacada”, e manifestaron que “a provincia é a columna vertebral das variedades orientais de Galicia”.

Despois da teoría explicada por estes dous mestres do viño, o broche de ouro á xornada púxoa un Túnel do Viño do que puideron participar as en torno a persoas que acudiron a esta cita. Catáronse un cento de viños da provincia, o que supuxo unha oportunidade única para degustar o bo facer dos bodegueiros lucenses, e cada participante contou cun kit do catador que lle permitiu participar nesta actividade como incipientes sumilleres.