Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Aprobado no Pleno o convenio específico da Deputación e o Concello para a apertura da residencia de Navia de Suarna

Pleno
USC
rede de centros de atención a maiores
Navia de Suarna
O Presidente e o Alcalde asinarán o acordo este mesmo xoves, cando a institución organiza no Centro de Atención a Maiores do concello da Montaña unha xornada de portas abertas para que a veciñanza coñeza en primeira persoa as instalacións ante a súa próxima posta en marcha

O convenio, que é o ultimo trámite entre administracións que faltaba para poder abrir o CAM, supón un investimento de máis de 3M€ ata o ano 2025, garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso para a veciñanza de Navia, e logo para a dos municipios limítrofes e do resto da provincia

A Corporación aproba por unanimidade a ampliación ata o ano 2058 da cesión de 8 parcelas de titularidade provincial á USC para o funcionamento do Campus de Lugo

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade o convenio específico entre a institución provincial e o Concello para a apertura do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Navia de Suarna.

O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde naviego, José Fernández, asinarán o acordo este mesmo xoves, cando a institución organiza na residencia unha xornada de portas abertas para que a veciñanza coñeza en primeira persoa as instalacións ante a súa próxima entrada en funcionamento.

Este convenio é o ultimo trámite entre administracións que faltaba para poder abrir o CAM e supón un investimento de máis de 3M€ ata o ano 2025, segundo explicou durante o Pleno o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen tamén subliñou que o documento garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso ás prazas para a veciñanza de Navia de Suarna e logo para a dos municipios limítrofes e do resto da provincia.

Así mesmo, recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas. 

O seguinte paso da Deputación de cara á apertura da residencia será aprobar na Xunta de Goberno a licitación do contrato para as prestacións básicas.


9 residencias neste mandato
No que vai de mandato, a Deputación de Lugo abriu catro novos centros de maiores na provincia -na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira-, que se suman aos tres que xa estaban en marcha -en Trabada, Ribadeo e Pol-. Ademais, neste ano abrirán os de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Polo tanto, a final de mandato a institución terá 9 residencias públicas en funcionamento.

Así mesmo, segue a traballar no resto dos proxectos comprometidos: na Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón. 

“É unha evidencia que superamos á Xunta de Galicia en número de residencias públicas na provincia de Lugo porque ten catro e nós, a día de hoxe, xestionamos sete centros”, afirmou o Deputado de Promoción Económica e Social, quen incidiu durante o Pleno en que a Xunta de Galicia “segue sen aportar un só euro”, nin para a construción nin para o funcionamento das residencias, cando “a competencia en materia de servicios sociais é, por Lei, da Administración autonómica” e cando ten 120 veces máis orzamento que a Deputación. 

Colaboración co Campus de Lugo
Por outra banda, a Corporación provincial aprobou por unanimidade a ampliación ata o ano 2058 da cesión da Deputación á Universidade de Santiago de Compostela de 8 parcelas de titularidade provincial cunha superficie conxunta de 200.570 metros cadrados para o funcionamento do Campus de Lugo. Estes terreos están ocupados por facultades, centros de investigación e outros servizos educativos. 

En concreto, son os terreos ocupados pola Escola Politécnica Superior e a súa ampliación; polo edificio CACTUS; polo complexo docente que abrangue Relacións Laborais, Enfermería e Humanidades; a superficie que ocupa a Facultade de ADE; a do IBADER; e tamén as que compoñen a Biblioteca e a Carballeira, a Facultade de Veterinaria, CEBIOVET, o Rof Codina, a Vagoada e o Anfiteatro, a ocupada por Raiolas, polo INSERSO para o Centro de Atención Especializada e polo Centro San Vicente de Paúl.
Ademais, a Deputación aprobou a cesión gratuíta á USC dos terreos provinciais necesarios para construír no Campus a Facultade de Formación do Profesorado. A institución acordou a concesión demanial gratuíta ata o ano 2058 do uso de 16 parcelas cunha superficie total de case 7.500 metros cadrados a favor da USC para ampliar o Campus e trasladar ao mesmo esta actividade docente, que actualmente está situada na Avenida Ramón Ferreiro. Os terreos cedidos localízanse ao carón da Facultade de Humanidades.
Con esta decisións, “dende a Deputación de Lugo renovamos o noso compromiso co Campus de Lugo. Un compromiso que vén dende a súa creación, e que ano a ano, vamos consolidando e mesmo reforzando”, asegurou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen recalcou que a lucense é a institución provincial de toda España que presta un maior apoio á Universidade pública.