Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación reúne aos produtores dos Ancares e Terras do Miño para avanzar na creación das marcas da reservas

Reserva da Biosfera
Reserva Terras do Miño
Ancares Lucenses
O Deputado de Medio Ambiente participou este mércores no encontro informativo celebrado en Cervantes, que contou coa presenza de dúas representantes do Organismo Autónomo Parques Nacionais do Ministerio para a Transición Ecolóxica que están colaborando coa institución para a implantación dos distintivos

José Luis Raposo avanzou que a Deputación está a traballar no regulamento necesario para conseguir a licencia de uso, un novo paso cara a súa posta en marcha

A Deputación de Lugo convocou para esta semana reunións informativas con produtores das dúas Reservas da Biosfera que xestiona, Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, para seguir avanzando na creación da marca que identificará os produtos elaborados nestes territorios. Nos encontros participan dúas representantes do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN) do Ministerio para a Transición Ecolóxica que están colaborando coa institución para a implantación dos distintivos.

O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, asistiu á reunión celebrada este mércores no Edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes, onde explicou que nas marcas das reservas da provincia “terán cabida produtos vitivinícolas, de repostería, cárnicos ou artesáns” e avanzou que agora mesmo estase a traballar no regulamento necesario para conseguir a licencia de uso, un novo paso cara a súa posta en marcha.

Entre os obxectivos que busca a institución provincial con esta iniciativa, Raposo salientou que “darán maior visibilidade e valor aos produtos, diferenciando a súa procedencia, profesionalidade e calidade”. Apuntou que a Deputación leva tempo traballando neste proxecto, que “facilitará a comercialización, ao tempo que se converterá nun factor máis de atracción de cara ao deseño de produtos turísticos sostibles, non masificados e de calidade”.

Destacou o Deputado de Medio Ambiente que “Lugo conta con máis do 80% da súa superficie recoñecida como Reserva da Biosfera, un dato impresionante pola súa importancia cuantitativa” e lembrou que o ano pasado un proxecto da Deputación sobre os Soutos nos Ancares gañou o premio España Creativa. “Queremos ser tamén un referente en innovación, en deseño de novas tendencias, de posta en valor do medio ambiente que combinan a tradición coa aposta polo futuro”.

A secretaría do Programa Home e Biosfera (MaB) da UNESCO que coordina e desenvolve o OAPN está a traballar en diferentes iniciativas para dar visibilidade á marca Reservas da Biosfera Españolas nas que se integrarán as de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Entre esas accións, destaca unha web na que as empresas con produtos e servizos rexistrados poderán poñelos á venta de xeito gratuíto.