Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Arranca na Mariña o programa impulsado pola Deputación que dá apoio gratuíto ás empresarias e emprendedoras do rural

AELU
Alfoz
A Deputada de Muller e Igualdade destacou que a institución financia integramente cunha achega de 40.000€ esta iniciativa, Feminino rural. Evolución, a través da que a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) ofrece formación, acompañamento e asesoramento personalizado

“Desde a Deputación de Lugo temos claro que a creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, destacou María Loureiro

Alfoz acolleu este luns o primeiro dunha serie de 7 encontros comarcais para
35 persoas dos 67 concellos

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, presentou esta mañá na Casa da Cultura de Alfoz o programa Feminino rural. Evolución, que ofrecerá de forma totalmente gratuíta formación, acompañamento e asesoramento personalizado a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios. A institución provincial financia integramente cunha achega de 40.000€ esta iniciativa, que desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU).

No acto, a Deputada estivo acompañada polo Alcalde de Alfoz, Jorge Val, a Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Aránzazu Incera, e a técnica de AELU encargada do proxecto, Úrsula Pérez.

“Desde a Deputación de Lugo temos claro que a creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, sinalou Loureiro. A Deputada avanzou que “así como hoxe estamos na Mariña, levaremos esta iniciativa a todas as comarcas da provincia porque queremos chegar ao maior número de mulleres posible e facilitar tamén a súa participación”.

O obxectivo deste primeiro encontro, tal e como destacou a Deputada, “é coñecer os proxectos e fomentar o intercambio de experiencias entre as participantes, que beneficien aos proxectos individuais de cada unha”. Logo haberá unha segunda fase na que se dará formación e asesoramento dunha maneira personalizada que, no caso  das empresarias, irá dirixido a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados das empresas que teñen en marcha; e, no caso das emprendedoras, recibirán apoio para constituír e para arrancar a súa propia empresa.

María Loureiro desexou que as participantes poidan sacarlle o máximo partido a este programa, “porque iso beneficiará ás empresarias e emprendedoras e, ao mesmo, tempo, será positivo para o emprego e para a economía do conxunto da provincia de Lugo”.

Unha serie de 7 encontros na provincia

Ademais deste encontro que tivo lugar hoxe na Mariña, terán lugar outras 6 citas comarcais para presentar este programa Feminino rural. Evolución. A vindeira semana a iniciativa chegará á Montaña, á Terra Chá e á Ribeira Sacra con tres actos de presentación: o luns, 11 de xullo, na Casa do Concello da Fonsagrada, ás 11:30 horas; o xoves 14 de xullo, na Casa da Cultura de Vilalba, á mesma hora; e no Ecomuseo do Pazo de Arxeriz do Saviñao, ás 12.00 horas, o venres 15 de xullo. O mércores 20 de xullo presentarase para a comarca de Sarria no concello de Láncara, ás 12:00 horas, na Casa do Concello e, nunha data por concretar, celebrarse un acto tamén en Lugo.

En cada comarca habilitaranse 25 prazas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. Polo tanto, un total de 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.