Deputación de Lugo
Emprego

Empresarias e emprendedoras de Lugo coñecen o programa Feminino rural. Evolución impulsado pola Deputación

AELU
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que este proxecto, financiado integramente pola institución cunha achega de 40.000€, ofrece formación, acompañamento e asesoramento gratuítos a través da Asociación de Empresarias de Lugo (AELU)

“Apostamos pola creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, como factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou esta mañá no CEI Nodus de Lugo o programa Feminino rural. Evolución, financiado integramente pola institución provincial cunha achega de 40.000€. A Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) desenvolve esta iniciativa que ofrece de maneira gratuíta formación, acompañamento e asesoramento personalizado a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios. 

“Na Deputación apostamos pola creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, como un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, sinalou Rivera Capón.

Este encontro, que xa se levou a cabo na Mariña, estenderase durante o mes de xullo a todas as comarcas da provincia para facilitar a participación das interesadas.

No acto tamén participaron a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Ana González Abelleira, e a presidenta de AELU, Beatriz Varela. As vindeiras semanas realizaranse novos encontros nos concellos da Fonsagrada, Vilalba, O Saviñao, Láncara e Antas de Ulla.

En cada comarca habilitaranse 25 prazas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. 35 persoas recibirán, en total unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.