Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación licita por case 800.000€ as prestacións básicas para abrir en outono a residencia de Navia de Suarna

Navia de Suarna
A Xunta de Goberno aprobou este acordo tan só unha semana despois de que o Presidente provincial e o Alcalde deste municipio da Montaña asinasen o convenio necesario para poñer en marcha a dotación social

Adxudicados por 95.000€ os traballos de construción dun centro de transformación eléctrica para o Centro de Atención a Maiores de Becerreá, unhas instalacións que non estaban previstas no proxecto inicial, polo que obrigaron a facer unha nova consignación económica e un procedemento de contratación específico

Aprobada a adhesión da institución provincial ao proxecto Smart Agro: Territorios rurais, agroalimentarios e intelixentes, do que forman parte outras 8 deputacións e unha trintena de empresas de toda España co obxectivo de concorrer conxuntamente a fondos europeos para potenciar o sector primario a través da dixitalización e a innovación

A Deputación de Lugo deu este venres outro paso determinante para poder cumprir coa previsión de abrir este outono o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna. Trátase da aprobación na Xunta de Goberno, por un importe de case 800.000€, do contrato para a prestación dos servizos básicos na residencia. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen explicou que este contrato terá unha duración dun ano, coa posibilidade de tres prórrogas anuais. 

“Tan só unha semana despois de que o Presidente e o Alcalde de Navia asinaran nas propias instalacións o convenio necesario para poñer en marcha o Centro de Maiores de Navia, hoxe lanzamos este contrato, que é un paso determinante para poder abrir a residencia a principios de outono, tal e como nos temos comprometido”, apuntou García Porto.

En materia de residencias, a voceira informou tamén de que a Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación do contrato para a construción dun centro de transformación eléctrica e dun centro de seccionamento no Centro de Atención a Maiores de Becerreá por un importe superior aos 95.000€.

Lembrou a voceira socialista que esta instalación “non estaba contemplada no proxecto inicial desta residencia, o que nos obrigou a consignar novos recursos económicos, así como a  elaborar e a tramitar un procedemento administrativo específico, para poder dotar ó centro deste equipamento, que resulta imprescindible para o seu funcionamento, porque servirá para garantir o correcto subministro eléctrico”.

Esforzo de xestión e económico

García Porto destacou que os acordos da Xunta de Goberno poñen de manifesto, unha vez máis, “o enorme esforzo, tanto de xestión, como económico, que estamos facendo dende a Deputación de Lugo para construír, equipar, abrir e manter en funcionamento centros de atención ás persoas maiores no rural da nosa provincia”. Engadiu que se trata dun “esforzo que se ve acentuado polo nulo apoio económico que estamos tendo da Xunta de Galicia que, como saben, é a Administración que, por Lei, ten as competencias en servizos sociais”.

Ratificou así mesmo que o mandato rematará con 9 residencias públicas da Deputación en funcionamento e outras 9 en diferentes fases de tramitación, para as que “o Goberno galego non aportou nin un só euro, nin para a súa construción, nin para o seu funcionamento”.

 Apoio ao sector primario

A Xunta de Goberno aprobou a adhesión da Deputación de Lugo ao proxecto Smart Agro: Territorios rurais, agroalimentarios e intelixentes, unha iniciativa da que forman parte outras 8 deputacións e máis de 30 empresas de toda España co obxectivo de concorrer conxuntamente a fondos europeos para potenciar o sector primario a través da dixitalización e a innovación.

A Deputación de Lugo convértese deste xeito na entidade de referencia no Norte de España deste grupo de traballo, pois o resto de institucións presentes son do sur e do centro do país (Córdoba, Cáceres, Badaxoz, Cidade Real, Xaén, Salamanca, Soria e Teruel).

“Sumándonos a este ambicioso proxecto, reforzamos unha das liñas de acción prioritarias que temos na Deputación de Lugo, como é apoiar, da man da Universidade e do propio tecido produtivo, a mellora da competitividade, a produtividade, a diversificación e a creación de valor engadido do sector agroalimentario da provincia a través de proxectos innovadores e sostibles que creen emprego, e polo tanto, que contribúan a fixar poboación no rural”, explicou a voceira socialista.

Remanentes do Plan Único para 5 concellos

Outro dos asuntos que saíu adiante na Xunta de Goberno foi a solicitude dos concellos de Lugo, Triacastela, Mondoñedo e O Incio para destinar remanentes do Plan Único 2021 a novas actuacións, e de Ribeira de Piquín, que pediu aplicar fondos, neste caso correspondentes ao plan do presente ano 2022.

En concreto, o Concello de Lugo destinará máis de 100.000€ para a mellora de tres estradas: unha na parroquia de Prógalo, que é a que vai da LU-P-2903 a Airexe e a Vila; outra na parroquia de Calde, que dá acceso á parroquia de Pena; e outra máis en Coeses, que é a vía que conecta a LU-P-2913 con Ceza. En Triacastela, o Concello poderá destinar 11.000€ á mellora da pavimentación dun acceso ó Camiño de Suavila, mentres que en Mondoñedo, o Concello dedicará preto de 36.000€ á mellora de camiños nas parroquias de Masma e Viloalle; e o Concello do Incio financiará obras nos núcleos de Goó, Martín, Calvos, Vilasouto e Covelas por preto de 20.000€. En canto ao Concello de Ribeira de Piquín, destinará 6.500€ para o subministro e instalación de luminarias LED.

Prácticas da USC

A Xunta de Goberno aprobou de maneira definitiva a listaxe de 43 prazas que oferta  a Deputación de Lugo á Universidade de Santiago de Compostela para que o alumnado poida completar e mellorar a súa formación facendo prácticas en distintos servizos da institución provincial. Unha listaxe que, en todo caso, poderá ampliarse en función das necesidades da Universidade, que aínda poderá propoñer outras prazas que considere relevantes para enriquecer a formación do seu alumnado.