Deputación de Lugo
Formación

A Deputación de Lugo felicita aos novos graduados e graduadas en Veterinaria do Campus Terra

USC
O Deputado de Recursos Sostibles participou este sábado no acto de graduación do alumnado, que acolleu o auditorio Enrique González da Facultade, salientando o papel do ensino público para garantir a igualdade de oportunidades

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este sábado no acto de graduación dos alumnos e alumnas do Grao en Veterinaria do Campus de Lugo, celebrado no auditorio Enrique González da Facultade.

Fernández Rico felicitou ao estudantado por todo o esforzo e traballo realizado, tamén fixo un recoñecemento ás familias polo seu acompañamento e apoio, e ao profesorado pola calidade e o seu compromiso docente. “Cada un dos alumnos ten motivos persoais dabondo para sentirse satisfeito do traballo feito nestes últimos anos, pero penso que este é tamén un éxito colectivo, dunha Facultade de prestixio internacional e dun modelo de Universidade pública recoñecido pola súa excelencia docente e investigadora”, indicou.

O Deputado lembrou que o Campus Terra vén de ser recoñecido como Campus Especializado, o segundo de toda Galicia, nas áreas estratéxicas de agricultura, gandería e sector forestal sostible. “Este é tamén un logro e un éxito de toda a comunidade universitaria, porque o traballo dos alumnos e dos profesores contribuíu a facelo posible”, recalcou, ademais de subliñar o importante papel da universidade pública, porque “é de todos e todas, para que ninguén quede excluído da formación superior pola súa orixe ou polos seus ingresos económicos”. Polo tanto, unha universidade, asegurou, “que non nace dun desexo de rendibilidade económica, senón que aposta polo compromiso con Galicia e pola formación dos galegos e as galegas, e que retorna á sociedade, en forma de transferencia de coñecemento, máis riqueza da que recibe dos fondos públicos do seu orzamento”.

Roberto Fernández Rico animou ao alumnado a que, con independencia de onde desenvolva o seu traballo, se siga “formando, coñecendo o que pasa na empresa e ao día do que fai a investigación” porque esa “combinación de ensino de vangarda, de investigación de primeiro nivel, e de diálogo para coñecer as necesidades reais das empresas é a fórmula que ten convertido ao sector agrogandeiro da provincia de Lugo nun referente, e son, tamén, os sinais de identidade desta gran Facultade de Veterinaria”. 


A Deputación coa Universidade

O Deputado puxo de manifesto que a institución provincial vén colaborando historicamente coa Universidade de Santiago e co seu Campus de Lugo, cun apoio amplo e firme. “A día de hoxe, sen ter competencias directas en Educación, somos a Deputación de España que máis inviste na Universidade pública, e facémolo porque a educación e a formación son ferramentas imprescindibles para garantir a igualdade de oportunidades e para desenvolver o futuro desta provincia, dunha maneira equilibrada e sostible”, subliñou.

A Deputación, incidiu, aporta fondos ao Campus “para desenvolver proxectos de mellora da calidade docente, das infraestruturas ou de accións de I+D+i para transferir á sociedade e ao tecido produtivo, sobre todo, ao sector primario e ao rural, as principais fontes de riqueza da nosa provincia”, sinalou o Deputado. Nese sentido, puxo de exemplo algúns proxectos como a Granxa Experimental de Leite que a institución provincial ten na finca Gayoso Castro, que é o primeiro centro público creado en Galicia que aglutina formación universitaria e investigación, e no que, precisamente, moitos alumnos e alumnas de Veterinaria fixeron prácticas neste último ano e medio que leva en marcha.