Deputación de Lugo

A Deputación inicia a reparación do firme da estrada provincial que une Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá, en Castroverde

Castroverde
Estes traballos, cun orzamento de 43.000€, afectan a máis de 11 quilómetros da LU-P-1201, e consisten na reparación e repavimentación de baches, mordentes, afundimentos e defectos similares, así como as zonas degradadas que presenta a estrada

As obras, que tamén afectan á LU-P-1204, de Castroverde que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, e á LU-P-1211, do Coto a Arrubial por Porcín, no Corgo, teñen un prazo de execución dun mes

A Deputación de Lugo iniciou este mércores a reparación do firme de máis de 11 quilómetros da estrada provincial LU-P-1201, que une os núcleos de Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá, no concello de Castroverde. Os traballos teñen un orzamento de preto de 43.000€ e afectan ao treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 3,8 e 14,9. 

O proxecto que acometerá a institución provincial ten un prazo de execución dun mes e inclúe a reparación e repavimentación de baches, mordentes, afundimentos e defectos similares, así como a repavimentación de zonas degradadas mediante a execución dun dobre tratamento superficial e aquelas con máis degradación, e mesmo perda de árido como peladuras, mediante a execución dun triple tratamento superficial.

A mellora desta vía é moi importante porque dá servizo aos numerosos veciños e veciñas que transitan por ela a diario, así como a explotacións gandeiras e empresas da zona. Uns traballos que se enmarcan dentro da política de mellora da mobilidade impulsada polo goberno provincial e que reverte na seguridade viaria da veciñanza, ademais de beneficiar a súa comodidade ao poder circular por un firme rehabilitado sen as deterioros que presenta actualmente a estrada polo paso do tempo. 

O proxecto tamén contempla melloras noutra estrada de Castroverde, a LU-P-1204, que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, no treito comprendido entre os quilómetros 4 ao 4,2. Tamén se executarán melloras na vía provincial LU-P-1211, que transcorre polo Coto, Porcín e Arrubial, e serve de punto de comunicación entre os concellos de Castroverde e O Corgo. Nesta vía os traballos execútanse do quilómetro 1,9 ao 2.

A Deputación de Lugo ten como un dos eixos prioritarios a mellora da mobilidade na provincia. Estas obras son significativas para esta comarca, xa que as actuacións redundarán directamente no obxectivo que se marca a institución de camiñar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do rural lucense.

Máis de 800.000€ nesta vía

A Deputación de Lugo, con esta nova actuación, leva investido nos últimos anos máis de 800.000€ nesta estrada provincial. Unha delas foron os traballos de ensanche e mellora no tramo que une os núcleos de Coto, no Corgo, e Agustín, en Castroverde, nas que  a institución provincial investiu 378.000€. As obras afectaron a 1,5 quilómetros, e consistiron no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas.

Así mesmo, este proxecto contemplou a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude, que se atopa no quilómetro 10,3, cunha obra de fábrica de mampostería. Con esta actuación resolveuse un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer estas actuacións. Con esta obra vense a diario beneficiados de maneira directa moitos veciños e veciñas, xa que a vía articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde, dando servizo a 7 parroquias deste último municipio.

Outra das obras que a Deputación executou nesta mesma estrada provincial LU-P-1201 foron as que incluíron a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.