Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo achega 10.000 euros para a celebración do XV Criterium Aeronáutico

Criterium Aeronáutico
O Deputado de Promoción Económica e Social presentou en San Marcos a nova edición do evento, que se celebrará no aeródromo de Rozas a vindeira semana, do 22 ao 24 de xullo, coincidindo coa Volta Aérea a Galicia, que este ano puntuará para o Campionato Nacional

Pablo Rivera destacou a importancia desta cita, “que aporta valor, diferéncianos e tamén nos consolida como destino turístico de calidade, sostible e de experiencias”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o XV Criterium Aeronáutico, que se celebrará no aeródromo de Rozas a vindeira semana, do 22 ao 24 de xullo. A Deputación de Lugo colabora un ano máis con esta cita cunha achega económica de 10.000 euros e coa impresión de cartelería. 

Na presentación tamén participaron o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira; o Concelleiro de Deportes e Xuventude de Lugo, Mauricio Repetto; o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiiro, e o xefe do servizo autonómico de Deportes en Lugo, Manuel Otero.

Rivera Capón destacou a importancia deste evento, “que aporta valor, diferéncianos e tamén nos consolida como destino turístico de calidade, sostible e de experiencias. En definitiva, unha cita que encaixa á perfección co modelo polo que apostamos na institución provincial”. Penso que necesitamos este tipo de eventos na nosa provincia e, por iso, dende a Deputación de Lugo colaboramos co Criterium Aeronáutico”, asegurou Pablo Rivera.

A cita organizada polo Real Aeroclub de Lugo coincide, un ano máis, coa Volta Aérea a Galicia, que “na súa 37 edición puntuará para o Campionato Nacional, o que fará este evento aínda máis atractivo”. 

O programa inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, avións acrobáticos, un simulador, exposición de aeronaves históricas ou drons. As persoas interesadas en participar nas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información no correo criteriumaeronautico@gmail.com ou no teléfono 982.310.114.