Deputación de Lugo
Formación

A Deputación felicita á nova promoción de enxeñeiros químicos en procesos industriais do Campus de Lugo

USC
Campus Terra

A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou este venres no acto de graduación dunha nova promoción de alumnos e alumnas do Grao de Enxeñaría Química en Procesos Industriais da Universidade de Santiago de Compostela, impartido no Campus de Lugo. O Salón de Actos da Facultade de Ciencias acolleu este acto no que a Deputada felicitou aos graduados e ás súas familias e reivindicou o papel da Universidade pública.


“A Deputación de Lugo é a institución provincial que maior colaboración presta a unha universidade pública en España, e esperamos que as autoridades autonómicas, con competencia en materia de industria, fagan un esforzo semellante para captar investimentos, para xerar postos de traballo e aproveitar as condicións naturais e o talento que agroma na nosa provincia”, subliñou. González Abelleira recoñeceu a calidade do Campus de Lugo e pediulles aos novos graduados e graduadas que pensen na provincia de Lugo como unha alternativa real para desenvolver os seus proxectos profesionais.