Deputación de Lugo
Turismo

Taboada acolle o III Encontro Nacional das Festas Tradicionais con Lume co apoio da Deputación

Taboada
Queima das Fachas
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo subliñou que a institución provincial colabora con esta cita “polo que aporta á difusión da Queima das Fachas de Taboada e o que representa a nivel turístico, cultural e etnográfico para a provincia”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado no acto de apertura do III Encontro Nacional das Festas Tradicionais con Lume que se celebra no concello de Taboada. Na cita participan representantes de Mayorga (Valladolid), Jarandilla de la Vera (Cáceres), Nava del Rey (Valladolid), Casarabonela (Málaga), San Esteban del Valle (Ávila), Zalamea la Real (Huelva), Castro Caldelas (Ourense), Vilelos (O Saviñao) e Castelo (Taboada). A institución colabora cunha achega de 7.623€ para este encontro.

García Porto estivo acompañada no salón de actos do antigo Cuartel da parroquia de Castelo polo Alcalde do municipio, Ramiro Moure, e o presidente da Asociación Cultural As Fachas, Manuel Fidalgo, entre outras autoridades. “Dende a Deputación de Lugo apoiamos este encontro, polo que aporta á difusión da Queima das Fachas de Taboada e todo o que esta cita representa a nivel turístico, cultural e etnográfico para a provincia”, sinalou a Deputada. 

O III Encontro Nacional das Festas Tradicionais con Lume deu comezo este sábado cunha conferencia inaugural baixo o título A tradición como reclamo turístico. Catalogación das festas tradicionais a cargo do antropólogo José Manuel Rodríguez. Preto do mediodía, terá lugar a mesa redonda Festas tradicionais con lume. Salvagarda e futuro, que contará coa participación de representantes das diferentes celebracións no territorio nacional.

Despois do xantar, haberá unha representación do Folión de Carros e Entroido Ribeirao, unha proxección audiovisual das festas participantes, a recreación das festas tradicionais con lume e, á media noite, un concerto do grupo folk Os D’Abaixo. Durante todo o día, a Casa-Escola de Castelo acolle a exposición Festas tradicionais con lume da Península Ibérica.

Na terceira edición desta iniciativa, que servirá tamén como antesala da tradicional Queima das Fachas que se celebrará o 7 de setembro, participaron veciños e veciñas da comarca da Ribeira Sacra, pero tamén visitantes chegados de diferentes puntos do país.