Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo colabora co operativo de loita contra os lumes na Pobra do Brollón e O Courel

A Pobra do Brollón
Montañas do Courel
Mantén mobilizados na zona 6 vehículos todorreo para utilizar nas tarefas nas que sexan necesarios, tanto nos traballos para sofocar as lapas, como para desaloxar a persoas que o precisen por non contar con medios propios ou ter mobilidade reducida

Desprazou este domingo medios persoais e técnicos para cortar a LU-P-4701, que dá acceso ao núcleo de Parada dos Montes, onde o lume ameazaba con chegar ás casas e que quedou desaloxado a primeira hora da tarde, e a LU-P-4710, que comunica Salcedo e A Estación, na Pobra do Brollón, como medida de seguridade pola evolución dos incendios

O Consorcio Provincial de bombeiros, que leva apoiando os labores de control e extinción dende o venres, vén de reforzar esta tarde os medios mobilizados inicialmente para a xornada de hoxe ante o empeoramento da situación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a institución colabora co operativo que loita contra os lumes na Pobra do Brollón e O Courel. Así,  mantén mobilizados nestes concellos 6 vehículos pick up todorreo do servizo provincial de Conservación e Mantemento de estradas, uns medios que, en coordinación coa Subdelegación do Goberno e a Garda Civil, puxo a disposición do operativo contra os lumes que sofren as localidades, para que sexan utilizados nas tarefas para as que poidan ser necesarios, tanto nos traballos para sofocar as lapas, como para desaloxar a persoas que o precisen por non contar con medios propios ou por ter mobilidade reducida.

Así mesmo, a Deputación atendeu a solicitude de colaboración da Garda Civil desprazando este domingo ós concellos de Brollón e O Courel medios persoais e técnicos para cortar as estradas LU-P-4701, que une estes dous municipios e dá acceso ao núcleo de Parada dos Montes onde o lume ameazaba con chegar ás casas e que quedou xa desaloxado a primeira hora da tarde, e a LU-P-4710, que comunica Salcedo e A Estación, na Pobra do Brollón, como medida de seguridade pola evolución dos incendios.

Por outra banda, o Presidente da Deputación e Presidente do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento informou de que a entidade leva apoiando dende o venres os labores de control e extinción dos lumes da zona sur e A Montaña da provincia desprazando tanto efectivos, como bombas nodrizas pesadas (con capacidade para 8.000 litros de auga), pick ups e todo terreos dos parques de bombeiros de Monforte de Lemos, Sarria e Chantada.

De feito, o Consorcio vén de reforzar esta tarde os medios que foran mobilizados inicialmente para a xornada deste domingo ante o empeoramento da situación, pasando de dous efectivos e unha bomba nodriza pesada, a 10 bombeiros, catro bombas nodrizas pesadas e un todo terreo.