Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora co I Musical Folk Asturgalaico Valdesouto, que se celebra este sábado en Becerreá

Becerreá
Musical Folk Asturgalaico Valdesouto
A institución provincial achega 6.000 euros a esta cita que dinamizar a vida social e económica do rural a través dunha proposta que pon en valor o patrimonio inmaterial da montaña luguesa

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este mércores o I Musical Folk Asturgalaico Valdesouto, que se celebrará este sábado, 20 de agosto, na Quintá de Cancelada, en Becerreá. A cita, impulsada pola Asociación Cultural e Deportiva Chao de Seves, conta cunha achega provincial de 6.000€.

O encontro xuntará a numerosos músicos tradicionais da zona da montaña e de toda a provincia, pero tamén de Asturias, para celebrar unha cita na que os instrumentos como a gaita ou o acordeón serán protagonistas. García Porto destacou a importancia desta cita, que permite “consolidar o modelo de turismo que defendemos dende a Deputación de Lugo: un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio e que crea riqueza e emprego”.

Explicou que se trata dunha iniciativa que contribúe “a revitalizar o rural con propostas culturais, que pon en valor o patrimonio e que completan o programa anual da asociación organizadora, no que que inclúe actividades de lecer e aventura pola comarca”. Así mesmo, a Deputada animou aos músicos e músicas da provincia a achegarse a esta foliada que animará a aldea de Becerreá durante todo o sábado. No acto tamén participou o presidente da entidade organizadora, Chema Álvarez, e o secretario, José Vázquez.

A primeira edición do Musical Folk Asturgalaico Valdesouto arrancará ás 12:00 horas coa recepción de participantes e, posteriormente, o pregón a cargo de José Manuel Rubinos Souto e un xantar popular. A partir das 17:00 horas haberá actuacións dos músicos asistentes. A xornada rematará cunha cena e unha foliada a partir das 23.00 horas.