Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación colabora coa celebración do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos

Apaga
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na inauguración desta cita organizada pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA), en Ribadeo, á que acoden profesionais do sector, estudantado e afeccionados

Pablo Rivera destacou o compromiso das xornadas “co coñecemento e coa formación neste sector tan importante para o desenvolvemento económico do noso país, pois representa en torno ao 15% do PIB galego e supera os 23.000 empregos directos”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na inauguración do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) en Ribadeo. Esta cita, que reúne a 32 profesionais, estudantes e afeccionados do sector, celébrase ata o venres cunha axenda chea de actividades relacionadas co mundo da automoción, que inclúe materia máis teórica e visitas a empresas.

A Deputación colabora con esta xornada cunha achega económica de 3.000 euros “polo seu compromiso co coñecemento e coa formación neste sector, tan importante para o desenvolvemento económico do noso país”, explicou o Deputado, quen, neste sentido, destacou que a automoción “representa arredor dun 15% do PIB galego, cunha facturación de 11.200M€. Cunha participación nas exportacións de entorno a un 28%, o sector supera os 23.000 empregos directos repartidos en 200 empresas, e é tamén unha fonte importante de xeración de emprego indirecto”, destacou o Deputado.

Pablo Rivera subliñou que “o carácter interdisciplinar” da xornadas “é unha das razóns do seu éxico e consolidación” e que, un ano máis, “un dos atractivos” do encontro “o debate en torno ás novas tecnoloxías” porque “falar da innovación tecnolóxica nos automóbiles, autobuses e vehículos industriais é falar do futuro da súa industria e do conxunto da sociedade. A crise enerxética desencadeada debido á guerra de Putin en Ucraína non vén senón reforzar a necesidade de promover modelos de mobilidade que garantan o tráfico das persoas e as mercadorías, pero poñendo o acento na sostibilidade e no respecto polo medio ambiente”.

No acto de inauguración tamén participaron o presidente de APAGA, Álvaro Doural Leiras; a Concelleira de Ribadeo e Deputada provincial de Medio Rural e do Mar e Mocidade, Mónica Freire Rancaño, e a xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, María José Gómez.