Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aglomerou un novo tramo da estrada provincial de Sober a Doade, onde inviste 120.000€

rede viaria provincial
Finalizan os labores de estendido de aglomerado en quente, logo de acometerse as obras de ampliación do ancho da vía, drenaxe e afirmado para aumentar a seguridade viaria e a comodidade da veciñanza e dos visitantes no treito comprendido entre os puntos quilométricos 13,740 e 14,480

A institución provincial leva destinado neste mandato un total de 355.000€ a esta estrada, pois aos obras que se están acometendo, súmanse as melloras xa rematadas no tramo que vai do quilómetro 13 a 13,740 por 100.000€, e as recén adxudicadas pola Xunta de Goberno por 133.000€ para obras á altura do núcleo de Vilachá

A Deputación de Lugo rematou este xoves o estendido de aglomerado en quente para a mellora da estrada provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade. Uns traballos enmarcados no proxecto de mellora no que a institución inviste preto de 120.000€ para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13,740 e 14,480. 

O aglomerado da vía levouse a cabo, logo de acometerse  as tarefas de ampliación do ancho da vía, a drenaxe e o seu afirmado.

A institución provincial leva destinado neste mandato un total de 355.000€ á estrada de Sober a Doade, pois ás obras que se están acometendo, súmanse as melloras xa rematadas no tramo que vai do quilómetro 13 a 13,740 por un importe de 100.000€, e as recén adxudicadas pola Xunta de Goberno por 133.000€ para obras á altura do núcleo de Vilachá.

Con respecto ao proxecto que está en marcha na actualidade, consiste na ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros, drenaxe, afirmado e pavimentación e sinalización horizontal. A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

A institución provincial recalca que estas obras non só benefician aos veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas.

Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo. A mellora da mobilidade é unha prioridade para o Goberno, como queda demostrado nos Orzamentos, nos que dedica o 30% a este obxectivo, tanto para actuacións na rede provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo, como nas vías municipais.