Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa o festival Son d’Aldea coa difusión audiovisual da súas actividades

son d'aldea
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou hoxe na presentación da 11ª edición do evento, que terá lugar os días 2 e 3 de setembro na parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei

García Porto destacou a importancia deste encontro para reivindicar o potencial do rural, poñendo en valor neste sentido o traballo que desenvolve a propia Deputación en colaboración cos concellos para dotar de máis e mellores servizos á veciñanza e dinamizar a economía e o emprego en sectores como o primario e o turismo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei na presentación da undécima edición de Son d’Aldea, que recrea como era a vida do rural nos anos 40 e 50. Este festival, que terá lugar o 2 e 3 de setembro na parroquia de Santiago de Albá, conta coa colaboración da Deputación de Lugo para a difusión das súas actividades a través do Servizo de Audiovisuais.

No acto participou o presidente da Asociación Son D’Aldea, Luis Arqueixal; o coordinador das xornadas, Santiago Prado; e o Tenente de Alcalde da localidade, Amando Sande, ademais doutros membros da organización.

“Este encontro permite vivir unha experiencia única, lembrando como era antes a vida nas nosas aldeas, cando o rural era o motor da nosa economía e da nosa tradición; e reivindicar así todo o potencial que temos”, salientou a Deputada, quen puxo en valor neste sentido o traballo que desenvolve a propia Deputación en colaboración cos concellos da provincia para impulsar o rural dotando de máis e mellores servizos á veciñanza e dinamizando a economía e o emprego en sectores estratéxicos, como o primario e o turismo. 

García Porto explicou que “dende a Deputación quixemos estar a carón desta cita e darlle visibilidade. Por iso, a través do Servizo de Audiovisuais provincial, apostamos pola difusión do evento achegándoo a máis xente e permitindo unha maior visibilidade para unha cita incomparable”.

Programa

Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias.

Para a reserva de prazas e maior información pódese solicitar mediante Whatsapp no número de teléfono 613.330.607.

A programación é a seguinte:
Venres 2 de setembro:
- 17:00 Parladoiro: Música e Desenvolvemento Rural coa participación de Isidoro Rodríguez Pérez e Bruno Villamor Gay.
- 19:30 horas: Presentación dos libros: O gaiteiro de Santo, de Burno Villamor Gay e A gaita na Terra de Melide, de Suso Ascariz.
- 20:00 horas: Presentación dos libros: Son D’Aldea 2015 e Son D’Aldea 2021
- 20:30 horas: Actuación do grupo Iseo A Moura
- 21:30 horas: Cea na aldea

Sábado 4 de setembro:
- 10:00 horas: Roteiro teatral
- 15:00 horas: Xantar na Aldea
- 17:00 horas: Xogos Populares
- 19:00 horas: Actuación do grupo Zoelas
- 20:00 horas: Concerto de Leirabuxo