Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación adxudica equipamento para a residencia de Ribas de Sil por máis de 170.000€

centros de atención a maiores
APEHL
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de dous dos cinco lotes do contrato para o subministro de material ao centro, correspondentes ao mobiliario xeral e a cortinaxe, mentres que a dotación restante - equipos médicos e axudas técnicas; lavandería; e cociña- adxudicarase nas vindeiras semanas

“Seguimos dando os pasos necesarios, en tempo e forma, para poder cumprir co compromiso de abrir esta residencia neste ano 2022”, subliñou o Deputado de Promoción Económica e Social, lembrando que a final de mandato a Deputación terá 9 centros públicos de maiores en funcionamento

A Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento para cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, tras a reunión da Xunta de Goberno, que aprobou adxudicar dous dos cinco lotes do contrato de subministro de equipamento para o Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil por máis de 170.000€.

Trátase dos lotes 1 e 5, correspondentes ao mobiliario xeral, adxudicado á empresa Industrias Hidráulicas Pardo S.L. por preto de 160.000€, e á cortinaxe, da que se ocupará Suministros Sanitarios SLU cun orzamento de case 13.000€. En ambos casos, a subministración realizarase nunha única entrega e nun prazo máximo de dous meses, unha vez asinado o contrato.

Coa adxudicación destes dous lotes, quedan tres para completar o subministro do equipamento necesario para a residencia de Ribas de Sil, que son os correspondentes aos equipos médicos e axudas técnicas; lavandería; e cociña. “Se todo vai sobre o previsto, tamén se adxudicarán nas vindeiras semanas, porque as empresas que presentaron oferta xa están entregando a documentación solicitada polos servizos técnicos da área de Benestar para completar o procedemento e facer efectiva a adxudicación”, explicou Pablo Rivera.

O Deputado lembrou que o investimento total que fai a Deputación para dotar de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil ascende a preto dos 332.000€.

Coa adxudicación aprobada hoxe na Xunta de Goberno “seguimos dando os pasos necesarios, en tempo e forma, para poder cumprir co compromiso de abrir esta residencia neste ano 2022”, destacou Rivera Capón, quen lembrou que a Deputación tamén traballa para poñer en funcionamento en outono o centro de Navia de Suarna.

Desta forma, “chegaremos ao 2023 cun total de 9 centros públicos en funcionamento, en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, 7 deles abertos neste mandato, o que demostra claramente o noso compromiso cos concellos, o elevado esforzo inversor que estamos facendo e o alto ritmo de xestión deste Goberno e de toda a institución”, recalcou. Estes 9 centros contarán con máis de 300 prazas asistenciais e manterán uns 230 postos de traballo directos, a maior parte, ocupados por mulleres.

Así mesmo, o Deputado recordou que o Goberno segue traballando para crear outras 9 residencias, nos concellos de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Portomarín, Folgoso do Courel, Ourol, Becerreá, Pantón e Cervantes.

“Enorme avance na mellora das condicións de vida no rural”

Polo tanto, “dende a Deputación de Lugo, en colaboración cos Concellos, estamos conseguindo un enorme avance na mellora das condicións de vida no noso rural, tanto dende o punto de vista dos servizos públicos como da actividade económica, o que axuda de maneira determinante a fixar poboación no territorio”, destacou o Deputado de Promoción Económica e Social. Un avance, engadiu, “para o que a Xunta non está aportando absolutamente nada, incumprindo así o que lle corresponde por Lei, porque, como di o Estatuto de Autonomía, as competencias en servizos sociais son da Comunidade Autónoma, do Goberno da Xunta”. 

Colaboración cos hostaleiros

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) por 20.000€ co obxectivo de contribuír ao fomento do asociacionismo no sector turístico e gastronómico, e para o mantemento da sede que o colectivo ten na Ribeira Sacra. 

Pablo Rivera enmarcou este apoio “na nosa relación de diálogo e de colaboración permanente cos sectores produtivos, con sectores estratéxicos, como é o de servizos, que constitúe unha fonte de riqueza e de emprego moi importante na nosa provincia”. 

Con esta contía, a APEHL pretende fortalecer unha estrutura de funcionamento que permita mellorar e ampliar a oferta turística desta zona. “O obxectivo é lanzar unha campaña de fomento do asociacionismo entre empresas que prestan servizos turísticos na Ribeira Sacra, e, deste xeito, seguir traballando nesta liña de aproveitar os inmensos recursos da zona para dinamizar o tecido produtivo e, polo tanto, a economía”, concretou o Deputado.