Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación asiste á XXX Festa da Malla de Meira, que reuniu a milleiros de persoas

Malla de Meira
Meira
José Tomé Roca destacou o alto valor cultural e económico desta tradicional cita, a máis antiga de Galicia da súa clase e declarada de Interese Turístico Galego

Durante a xornada, celebrada na praza da localidade, leváronse a cabo actividades que dan a coñecer o traballo da malla á veciñanza e visitantes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este domingo xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios, e aos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, á XXX Festa da Malla de Meira, que volveu a demostrar o seu poder de convocatoria reunindo a milleiros de persoas despois de dous anos de restricións pola pandemia. José Tomé participou nas actividades organizadas pola Asociación da Malla e o Concello que se levaron a cabo na praza da localidade chairega.

O mandatario provincial felicitou á organización pola Festa da Malla e destacou o alto valor cultural e económico desta tradicional cita, a máis antiga de Galicia da súa clase e declarada de Interese Turístico Galego, destacando que “cada ano reúne a un maior número de persoas para rememorar e dar a coñecer os traballos tradicionais que se facían no noso campo, algo que non podemos permitir que se esqueza”. “A Festa da Malla xunta aos veciños e veciñas, algo que tamén se facía tradicionalmente cando era tempo de mallar, de aí que sexan moitas as cancións e bailes que apareceron relacionadas co traballo”, engadiu.

Explicou que este tipo de eventos converte á provincia nun destino atractivo para os lucenses e os galegos, pero tamén para visitantes do resto de España, que se achegan a coñecer as tradicións agrogandeiras dos concellos lucenses. “Por esta razón, dende a Deputación temos claro o compromiso coas iniciativas que contribúen a conservar e a poñer en valor noso patrimonio. Promover as tradicións é unha maneira de manter vivo o noso rural e de dinamizar a economía dos municipios”, afirmou. 

A Festa da Malla naceu no ano 1992, pola iniciativa dun grupo de veciños e veciñas, que logo deron lugar á formación da Asociación de Amigos da Malla, co obxectivo de dar valor a este oficio tradicional. Os asistentes reviviron unha malla particular e, ademais, degustaron a comida tradicional.