Deputación de Lugo
Formación

O Presidente pon en valor o aumento dun 7% nas matrículas do Campus Terra no acto académico de apertura do curso universitario en Santiago

universidade
Campus Terra
USC
José Tomé Roca subliñou que “o apoio decidido e continuado” que a Deputación de Lugo mantén co Campus lucense da USC dende a súa creación contribúe ao incremento do alumnado

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este venres ao acto académico de apertura do curso 2022-2023 nas universidades galegas que acolleu o salón nobre do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela. No acto participaron tamén a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o reitor da USC, Antonio López, entre outras autoridades.

O mandatario provincial desexou un bo curso á comunidade educativa das universidades galegas e salientou o aumento das matrículas no Campus Terra nun 7%, ata alcanzar os 4.000 alumnos e alumnas, o que demostra que “é un destino universitario de calidade e atractivo”. Neste sentido, puxo en  valor que “o apoio decidido e continuado” que mantén a Deputación co Campus lucense da USC “contribúe de maneira moi importante a este incremento porque traballamos da man coa Universidade para que ofreza un ensino de excelencia”.

“É unha moi boa noticia que cada curso recibamos a máis alumnos e alumnas, tendo en conta que unha gran maioría deles se vai formar en titulacións que están moi vencellas co sector primario, que é o principal motor na nosa provincia. Ademais, a propia actividade da comunidade universitaria impulsa o dinamismo económico da cidade de Lugo e do conxunto”, engadiu o Presidente.

José Tomé destacou que a Deputación de Lugo é a institución provincial de toda España que máis recursos económicos achega á Universidade pública. No caso da USC, apórtalle 370.500€ a través dun convenio de colaboración, ademais de promover numerosos proxectos e iniciativas co Campus como, por exemplo, o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro, o primeiro centro de Galicia que aglutina formación e investigación universitarias en torno ao sector lácteo.  Así mesmo, vén de aprobar a cesión gratuíta á USC dos terreos necesarios para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.