Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación destina 325.000€ ao Concello de Castroverde para a mellora e ampliación do Centro Multiusos da vila

Castroverde
convenios
Cooperación cos Concellos
O Presidente asinou co Alcalde o acordo de colaboración a través do que a institución achega 307.500€ para acometer as obras dun proxecto cuxa redacción tamén custeou a Deputación con máis de 17.500€

Grazas a esta actuación, o Concello de Castroverde contará cun espazo público “moito máis amplo, acondicionado e adecuado para poñer a disposición do tecido asociativo, e para desenvolver actividades culturais e de lecer. Polo tanto, máis dinamismo social e económico para o noso rural”, subliñou José Tomé Roca

O acordo “é un exemplo do modelo de xestión que practicamos na Deputación: Unha política de feitos, pois hoxe asinamos un convenio para sacar adiante un proxecto que xa está redactado e en licitación; e unha política de máxima cooperación cos concellos, para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños e veciñas”

A Deputación de Lugo destinou no que vai de mandato máis de 2,6M€ a Castroverde, ademais de abrir o Centro de Atención a Maiores do municipio
Infografía do Centro Multiusos de Castroverde


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este martes en Castroverde que a institución provincial destina máis de 325.000€ ao Concello para que poida acometer a mellora e ampliación do Centro Multiusos situado na vila, xunto ao centro médico, unha actuación grazas á que contará cun espazo público “moito máis amplo, acondicionado e adecuado para poñer a disposición do tecido asociativo, e para desenvolver actividades culturais e de lecer. Polo tanto, máis dinamismo social e económico para o noso rural”.

O mandatario provincial asinou no Salón de Plenos de Castroverde co Alcalde e Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández, un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega ao Concello 307.500€ para acometer as obras, e, ademais, a institución asumiu previamente os máis de 17.500€ do coste da redacción do proxecto técnico.

José Tomé Roca subliñou que a aportación que fai a Deputación a través do acordo firmado esta mañá supón a metade do orzamento total necesario para acometer as obras. O resto do financiamento corre a cargo do Concello de Castroverde. 

“Estamos falando dunha das obras máis importantes que se farán neste concello dende hai tempo, polo volume de investimento económico pero, sobre todo, polo beneficio e repercusión que terá para os veciños e veciñas, e para a vida social e cultural deste municipio”, destacou o Presidente. 

O proxecto
O equipamento resultante do proxecto constará de dous edificios. Un deles será o existente actualmente, máis alto e con dous andares. E o outro será un inmoble anexo, que terá planta baixa e con menos altura que o existente. Os dous estarán conectados. No interior habilitaranse locais para os colectivos do municipio, así como a biblioteca municipal e diferentes almacéns de apoio. Tamén se construirán novos aseos e un ascensor para comunicar os dous andares. 
O Presidente asegurou que “o investimento que formalizamos aquí hoxe é un exemplo do modelo de xestión que practicamos na Deputación”. Por unha parte, incidiu, “unha política de feitos porque hoxe non viñemos aquí para prometer ou anunciar, senón para firmar un convenio que permitirá sacar adiante un proxecto que xa está redactado, e que o Concello ten en fase de licitación. É dicir: feitos, realidades”. Por outra parte, manifestou, “practicamos unha política de máxima cooperación cos 67 concellos da provincia de Lugo para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos seus veciños, sobre todo no noso rural”.

A Deputación con Castroverde
Dentro desta liña de colaboración cos concellos á que se referiu o Presidente, a Deputación de Lugo destinou no que vai de mandato máis de 2,6M€ a Castroverde, ademais de abrir o Centro de Atención a Maiores que a institución provincial ten no municipio. 

“Esta maneira de facer política coñécea ben o Alcalde, porque é compañeiro de Goberno na Deputación de Lugo, e porque tamén é a liña de traballo que segue aquí en Castroverde para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas. Un obxectivo para o que hoxe, como no futuro, sabe que vai seguir contando co respaldo e coa colaboración da Deputación de Lugo”, subliñou Tomé Roca.

Neste ano 2022, a institución provincial inxecta máis de 304.500€ ao Concello a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas, creación de emprego, o Servizo de Axuda no Fogar e actividades culturais. En concreto, destes fondos, o Concello dedica máis de 50.000€ á mellora do pavimento nos núcleos do Codesal, Foguentelle, Pereira e Outeiro; para a rexeneración dos camiños de Furís de Arriba, A Frairía e Vilalle algo máis de 45.000€; para o arranxo dos viais de Abelleira, Arrubial, Pereiroá e Outeiro un total de 42.000€; e para o acondicionamento do acceso entre os núcleos de Masoucos e Vilacote case 29.000€. 

Outra das cuestión relevantes é o investimento de 27.200€ para o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); 70.500€ para a creación de emprego; ou 19.500€ para a organización da cabalgata de Reis, o Entroido, a Feira de Artesanía e as festas patronais de Santiago Apóstolo. 

Grazas ao investimento da Deputación de Lugo tamén se desenvolveron importantes proxectos en estradas provinciais ao seu paso polo municipio neste últimos meses. É o caso da reparación do firme de máis de 11 quilómetros da estrada provincial LU-P-1201, que une os núcleos de Miranda, Cellán de Mosteiro, A Pumarega e San Xulián de Pereiramá cun investimento de preto de 43.000€ e que afectaron ao treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 3,8 e 14,9. O proxecto tamén contemplou melloras noutra estrada de Castroverde, a LU-P-1204, que une os núcleos de Bolaño, Bitureiro e Outeiro, no treito comprendido entre os quilómetros 4 ao 4,2. Así mesmo, a Deputación acometeu melloras na vía provincial LU-P-1211, que transcorre polo Coto, Porcín e Arrubial, e serve de punto de comunicación entre os concellos de Castroverde e O Corgo. Nesta vía os traballos execútanse do quilómetro 1,9 ao 2.