Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural colaborou coa Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos de Forraxes, centrada na sustentabilidade da produción de leite no interior

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
SOCIEDADE GALEGA DE PASTOS E FORRAXES
PRODUCIÓN LEITEIRA
CULTIVOS FORRAXEIROS

A deputada de Medio Rural Mónica Freire asistiu á Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), que se celebrou o venres e sábado en Chantada e Carballedo, respectivamente.

Medio Rural da Deputación colaborou un ano máis na celebración deste encontro, no que gandeiros e gandeiras de todo país analizaron alternativas para a sustentabilidade da produción de leite na Galiza interior, máis afectada polos problemas de sequía.

Mónica Freire amosou o seu apoio á  “esta xuntanza formativa  e de intercambio de coñecementos” que, sinalou, “serán chave para afrontar a época que se aveciña na que o sector primario se ten que enfrontar, como outros sectores, as circunstancias derivadas da inflación pero tamén ás consecuencias do cambio climático” e  ratificou o compromiso da área de Medio Rural coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes  “coa que vimos colaborando nestes anos co obxectivo de avanzar cara a modelos produtivos que aseguren  rendas xusta para gandeiros e gandeiras e a conservación do territorio”, sinalou a deputada durante o acto de apertura no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada.

O programa incluíu intervencións teóricas e exposición de experiencias prácticas en relación co rendemento e a calidade nutricional de diversos cultivos forraxeiros, ademais de visitas a gandeirías e producións da zona como a SAT Sabadelle de Chantada, a Gandería Outeiro e a queixería Airas Moniz, tamén no municipio chantadino, ou o Pazo de Cartelos, un espazo de investigación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en Carballedo.