O Pazo de San Marcos acollerá o 7 de outubro a IV Xornada Iuslaboralista, coa que colabora a Deputación
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o presidente do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez Carreira, presentaron este mércores a IV Xornada Iuslaboralista, un encontro que se celebrará no Pazo de San Marcos o vindeiro 7 de outubro. A institución provincial colabora coa organización do encontro, que reunirá a expertos de primeiro nivel para abordar a reforma laboral impulsada polo actual Goberno do Estado.
Rivera Capón salientou a importancia de abordar un tema de interese e de actualidade como é a reforma laboral. “Vanse debater cuestións como a suspensión temporal do contrato como alternativa ao despido, a situación na que quedan os contratos por obra ou afondar máis sobre a negociación colectiva”, detallou. “Contamos, coma sempre, con expertos de primeiro nivel, como é o caso de María Emilia Casas, presidenta emérita do Tribunal Constitucional”, engadiu.
Esta colaboración da Deputación súmase a outras que a institución provincial vén desenvolvendo co Colexio Oficial de Graduados Sociais. “Algunhas coma esta son de carácter divulgativo, pero outras teñen un marcado carácter social, como o convenio para prestar asesoría laboral gratuíta a colectivos desfavorecidos, parados de longa duración ou, dende máis recentemente, refuxiados da guerra en Ucraína”, detallou Rivera Capón.
As persoas interesadas en asistir poden anotarse en secretaria@graduadossocialeslugo.com ou chamando ao 982 211 503.
Programa
9:45 h. Recepción de participantes e entrega de documentación.
10:00 h. Inauguración da Xornada coa Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Colexio Oficial de Graduados de Lugo, Manuel Núñez, e o presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, Ricardo Gabaldón.
10:15 h. A suspensión do contrato de traballo como alternativa á súa extinción, con Juan José Fernández Domínguez, Catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de León, e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais.
11:15 h. A suposta desaparición do contrato de obra ou servizo determinado, con Jesús Martínez Girón e Alberto Arufe Varela, catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social pola Universidade da Coruña
12:15 h. Pausa-café
12:45 h. A negociación colectiva, con María Emilia Casas Baamonde, Catedrática Emérita do Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense e presidenta Emérita do Tribunal Constitucional.
13:45 h. Acto de clausura, con José Tomé Roca, Presidente da Deputación de Lugo, Verónica Martínez Barbero, Directora Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social, e Manuel Núñez Carreira, presidente do Colexio de Graduados Sociais en Lugo.