Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

García Pernas dá a benvida aos participantes da marcha ciclista organizada por Special Olympics en Friol

Special Olympics
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
Friol
O Deputado de Participación Cidadá destacou no campo de fútbol da Reigosa que “a Deputación ten un compromiso claro coas políticas sociais, ás que dedicamos aproximadamente un terzo do noso Orzamento, e tamén co deporte”

A institución provincial achega 8.000€ para este colectivo que traballa pola inclusión das persoas con discapacidade a través da actividade física

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, deu a benvida aos deportistas chegados de toda Galicia que participaron na X marcha ciclista de Special Olympics que se celebrou este venres no concello de Friol. Unha actividade que forma parte do programa deportivo que, anualmente, leva a cabo a entidade galega para promover a práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes e á que a Deputación de Lugo achega 8.000€.

“A Deputación ten un compromiso claro coas políticas sociais, ás que dedicamos aproximadamente un terzo do noso Orzamento, e tamén co deporte. Un compromiso que, neste caso abarca, non só ós deportistas e aos clubes e entidade deportivas, senón que tratamos de atraer a Lugo a celebración de grandes probas de impacto galego, nacional e internacional como maneira de promocionar a nosa provincia”, sinalou García Pernas. O Deputado tamén puxo en valor o “exemplo constante” destes deportistas, dos adestradores e das súas redes de apoio, polo propio esforzo e desexo de superación.

Roberto García Pernas felicitou aos preto de 50 participantes da proba, que competiron nos equipos de Prodeme de Monforte, Aspanas de Ourense, Aspas de Santiago, Chamorro de Narón e Con Eles de Vilagarcía. Deulles os parabéns pola súa ilusión, porque segundo subliñou “as persoas valemos, non polo que somos capaces de facer, senón por aquelo que nos atrevemos a intentar. Dende logo, o voso esforzo cotián é un exemplo do que todos e todas debemos tomar nota para seguir mellorando como sociedade”.

A etapa celebrada en Friol ten un percorrido de 24 quilómetros con saída e chegada ao campo de fútbol da Reigosa.