Deputación de Lugo

Unha vintena de gandeiros participou nunha poxa na Granxa Gayoso na que se venderon 33 reses por 1.087€ de media

granxa gayoso castro
O Deputado de Recursos Sostibles asistiu á subasta deste rabaño composto por femias de vacún maior de raza frisoa, xatos frisóns e un lote de cinco machos de raza Cachena de entre 1 e 2 anos. O prezo máis alto foi de 2.950€

A Deputación de Lugo celebrou este luns unha poxa pública de gando na Granxa Gayoso Castro, na que se venderon por un prezo medio de 1.087€ un total de 33 cabezas de gando bovino das instalacións provinciais. O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, asistiu á venda deste rabaño composto por femias de vacún maior de raza frisoa, xatos frisóns e un lote de cinco machos de raza Cachena de entre 1 e 2 anos. Preto dunha vintena de gandeiros e gandeiras poxaron por estes animais polo procedemento de concorrencia.

A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou cun prezo de saída establecido para cada categoría que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 50€. Adxudicouse o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. O prezo máis alto pagouse por un exemplar femia de vacún maior de raza frisoa, polo que se pagaron 2.950€.

Entre os animais de raza Cachena o prezo máis alto foi o dun exemplar macho, que se vendeu a un prezo de 1.150€. 1.160€ foi o prezo máis alto dos xatos frisóns de máis de 50 días. En total, a venda de todas as reses sumou 35.870€. 

Mediante a Granxa Gayoso Castro e os diferentes proxectos de investigación e recría, a Deputación de Lugo impulsa o sector primario da provincia, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e oportunidades.