Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación de Lugo, modelo de custodia do territorio nun foro sobre esta temática en Tenerife

Medio Ambiente
Custodia do territorio
No encontro, que se celebra estes días en La Laguna, participan representantes de diferentes administracións, persoal técnico e partes implicadas na articulación dos acordos para o mantemento e posta en valor de territorio protexidos

O organismo provincial ten en marcha dende o ano 2014 un proxecto innovador para dinamizar as zonas de alto valor ecolóxico e social da provincia como son as Insuas do Miño e Ollos de Begonte

A Deputación de Lugo presentou este mércores o seu modelo de custodia do territorio nunhas xornadas que se celebran esta semana en La Laguna organizados polo Cabido de Tenerife baixo o título Jornadas sobre Herramientas Jurídicas para la Custodia del Territorio. Marcos jurídicos disponibles y experiencias aplicadas. Estes encontros, nos que a institución provincial participou de xeito telemático, contou coa presenza de representantes de diferentes administracións, persoal técnico e partes implicadas na articulación dos acordos para o mantemento e posta en valor de territorio protexidos, interesadas en garantir a viabilidade destes tipo de colaboracións. 

No foro, o xefe de servizo de Medio Ambiente da Deputación, Luis Reija, explicou o proxecto innovador que a institución provincial ten en marcha dende o ano 2014 nas Insuas do Miño (situadas en Rábade e Outeiro de Rei) e Ollos de Begonte, ambos territorios propiedade da Deputación. A institución promove este acordo como xestora da Reserva da Biosfera Terras do Miño. O obxectivo é mellorar o estado de conservación da flora, fauna e hábitats presentes nas zonas; o mantemento de labores agrícolas e gandeiras tradicionais, ademais de divulgar os valores naturais do entorno mediante visitas organizadas e campañas informativas e de mellorar o estado de conservación e de seguridade dos espazos públicos. 

A Deputación aporta 25.000€ anuais para levar a cabo estes traballos e a entidade de custodia realiza o traballo que os terreos necesitan, ademais de actividades de divulgación para todos os colexios da provincia de Lugo ou visitas á zona. A institución conta cun Centro de Interpretación no que se levan a cabo diferentes obradoiros, investigacións, inventarios ou citas sobre novas especies autóctonas. Con esta iniciativa a Deputación conseguiu dinamizar un lugar que estaba practicamente abandonado e crear unha imaxe favorable da zona.