O Presidente clausura a IV Xornada Iuslaboralista, que reuniu na Deputación a expertos de primeiro nivel en torno á reforma laboral do Goberno
“A mellora constante das condicións do mercado laboral, a loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, ou a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres son obxectivos irrenunciables para un Goberno progresista. De aí, a reforma laboral”
A Alcaldesa de Lugo inaugurou este venres o foro, que puido seguirse vía streaming a través da canle do Servizo de Audiovisuais da institución provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou este venres a IV Xornada Iuslaboralista que abordou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a reforma laboral impulsada polo Goberno do Estado coa presenza de expertos de primeiro nivel e coa participación dun cento de persoas, de maneira presencial e vía on line.
O mandatario provincial felicitou pola organización do encontro ao Colexio de Graduados Sociais de Lugo e ao seu presidente, Manuel Núñez, destacando que a Deputación e o órgano colexial manteñen “unha liña de colaboración fluída e útil para a sociedade. Facémolo no terreo dos estudos e a análise, como é o caso destas xornadas, pero tamén a través de iniciativas conxuntas que permiten prestar asesoría sociolaboral de maneira gratuíta ás persoas que máis o necesitan”.
“Contar coa participación de nomes como María Emilia Casas, Jesús Martínez Girón, Alberto Arufe ou Juan José Fernández é un motivo de orgullo para esta Deputación”, asegurou o Presidente.
José Tomé destacou a importancia e a necesidade de xornadas de análise coma estas porque “é a única maneira de poder contar con elementos de análise para forxar unha opinión propia, entender que se fai e por que se fai, medir o alcance do camiño percorrido e comezar a traballar para deseñar novos avances”.
O Presidente subliñou neste sentido que para un Goberno progresista, como o central ou da propia Deputación de Lugo, “a mellora constante das condicións do mercado laboral, a loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, ou a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres son algúns dos obxectivos irrenunciables”. De aí, afirmou, a reforma laboral, que fai fronte “ao nivel de temporalidade co que se distinguiu España durante moito tempo, sen parangón nos países da nosa contorna, e ao abuso de figuras como o contrato por obra para situacións nas que non era axeitado”, entre outras moitas cuestións.
O programa
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou as xornadas, que puideron seguirse tamén vía streaming a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. Participaron José Fernández Domínguez, Catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de León, e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais; o presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, Ricardo Gabaldón; Jesús Martínez Girón e Alberto Arufe Varela, catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social pola Universidade da Coruña; María Emilia Casas Baamonde, Catedrática Emérita do Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense e presidenta Emérita do Tribunal Constitucional.