Deputación de Lugo
Economía

A Deputación participa na presentación dun proxecto que mellora internet no rural

Ribeira Sacra
Internet
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este martes pola tarde na adega Castrofiz, en Chantada, ao lanzamento da tecnoloxía XGSPON 10GB

García Porto explicou que na provincia de Lugo “temos un rural vivo e cheo de iniciativas capaces de dinamizar a economía, xerar emprego e fixar poboación con empregos sostibles e de calidade”, pero fixo fincapé en que “necesitamos servizos”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este martes na presentación da tecnoloxía XGSPON 10GB que acolleu a adega Castrofiz, en Chantada. Un novo sistema que permite que internet vaia máis rápido e de mellor calidade nos núcleos rurais. 

“Sempre é un pracer vir á Ribeira Sacra e máis cando é para presentar aquí, no noso rural, unha tecnoloxía coma esta que mellora a chegada da fibra”, indicou. “Na Deputación de Lugo sempre dicimos que para que haxa xente no rural, ten que ter os elementos básicos para que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida, como sanidade, educación, servizos sociais ou internet de calidade”. García Porto explicou que a provincia de Lugo “temos un rural vivo e cheo de iniciativas capaces de dinamizar a economía, xerar emprego e fixar poboación con empregos sostibles e de calidade”, pero fixo fincapé en que “necesitamos servizos”.

A Deputada subliñou que o sector do viño é fundamental na economía da Ribeira Sacra e do conxunto da provincia porque “crea riqueza, emprego e axuda a preservar a nosa identidade cultural. É un aliado potente, capaz de xerar sinerxías importantes coa hostalería e o turismo”. Por iso, engadiu, a Deputación de Lugo sitúa “a promoción dos viños da Ribeira Sacra como parte da nosa política de apoio ao sector primario, pero tamén o facemos porque o sector vinícola é unha ferramenta importante á hora de impulsar políticas transversais que favorezan o equilibrio territorial. Políticas que axuden a fixar poboación e que ofrezan á xente nova a posibilidade de desenvolver os seus proxectos profesionais no mundo rural, porque o rural con vides e adegas será sempre un rural vivo, moderno, conectado co mundo. Un mundo ao que hoxe nos conectamos máis que nunca desde internet”.

Importante esforzo do Goberno

García Porto lembrou que o Goberno do Estado está a facer un importante esforzo inversor nese sentido. No que respecta a Internet, dixo, ten mobilizados 23,7 millóns de euros para estender a banda ancha na provincia, e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital lanzou en verán unha nova convocatoria de axudas con 12,3M€ para financiar proxectos en zonas que non teñen cobertura de redes de banda ancha, nin previsión de recibilas nun prazo de 3 anos.

O proxecto

A tecnoloxía XGSPON 10GB supón unha inversión que permite a chegada de fibra óptica a fogares e oficinas a unha maior velocidade. Orange impulsa en España este novo formato de rede cunha velocidade de subida e baixada de datos simétrica e de maior capacidade. Trátase dunha rede que espera chegar ao millar de fogares durante o 2022 e pensada para unha conectividade maior a través dos distintos dispositivos como os teléfonos móbiles, as televisións ou os ordenadores, entre outros.