Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Os veciños e veciñas do lugar de Outeiro, en Taboada, teñen alumeado grazas á Deputación de Lugo

Taboada
O Presidente mantivo un encontro con veciños e veciñas beneficiados por esta actuación, na que a institución provincial investiu máis de 22.000€ a través dun convenio de colaboración coa Asociación de Veciños San Martiño das Cores

Os traballos consistiron na colocación de seis luminarias de tecnoloxía LED e 60W de potencia coas que se dotou de alumeado a este núcleo da parroquia de Couto e coas que se consigue un importante aforro enerxético

José Tomé destacou que este tipo de cooperación co tecido asociativo da provincia forma parte do “máximo compromiso que temos na Deputación por acercar e mellorar os servizos dos veciños para favorecer a súa calidade de vida e, deste xeito, contribuír a que a poboación se quede no noso rural”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou as actuacións financiadas pola institución provincial que permitiron dotar de alumeado aos veciños e veciñas do lugar de Outeiro, no concello de Taboada. A Deputación outorgou 22.000€ a través dun convenio de colaboración á Asociación de Veciños San Martiño das Cores para acometer estes traballos, que serviron para colocar seis luminarias de tecnoloxía LED e 60W de potencia.

José Tomé mantivo un encontro con veciños e veciñas deste lugar da parroquia de Couto, xunto coa voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o voceiro socialista no Concello de Taboada, Roi Rigueira, entre outros membros da Corporación.

Na visita, o Presidente comprobou de primeira man a eficiencia destes novos elementos luminosos, cos que se consigue un importante aforro enerxético, e puxo en valor que este tipo de cooperación co tecido asociativo da provincia forma parte do “máximo compromiso que temos na Deputación por acercar e mellorar os servizos dos veciños para favorecer a súa calidade de vida e, deste xeito, contribuír a que a poboación se quede no noso rural”. “Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e precisamente o que buscamos colaborando cos concellos e coas asociacións é dotar de máis e mellores prestacións ao noso rural, algo que é fundamental se queremos fixar poboación”.

O Concello foi o responsable da tramitación administrativa necesaria para levar a cabo as obras.

Máis de medio millón de euros en Taboada

A Deputación de Lugo inviste este ano en Taboada máis de 553.000€ a través de diferentes vías de actuación. Concretamente, máis de 180.000€ da institución provincial destináronse á rehabilitación da estrada LU-P-1809 que conecta Chantada con Antas de Ulla e outros 190.000€ ao arranxo de camiños e accesos a diferentes núcleos e parroquias. Mediante o Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022, a Deputación achega tamén preto de 37.000€ a Taboada para o acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol municipal e preto de 29.000€ para a reparación da cuberta do pavillón. Outras achegas da institución provincial para o concello de Taboada van destinadas ao reforzo dos deportes, o turismo ou á mellora dos servizos comunitarios.