Deputación de Lugo

A Deputación acolle Engurras, unha homenaxe aos maiores a través das fotografías da lucense Esther López Álvarez

Engurras
Esther López Álvarez
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, acompañado da autora das imaxes, inaugurou esta mostra composta por 10 fotografías de persoas do rural da provincia de Lugo de entre 70 e 100 anos que se pode ver no Pazo de San Marcos ata o 8 de novembro

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, inaugurou este venres no  corredor de acceso ao Salón de Plenos do Pazo de San Marcos a exposición fotográfica Engurras, de Esther López Álvarez, natural de Baralla. A mostra, que poderá visitarse ata o vindeiro 8 de novembro, está formada por 10 imaxes de retratos e de mans de veciños e veciñas do rural da provincia de Lugo. Entre os retratados aparecen veciños de Baralla, Monterroso, Becerreá ou o barrio de San Fiz, en Lugo, entre outros, que a fotógrafa se foi “atopando no camiño” e retratando.

A Deputación de Lugo acolle esta colección fotográfica, que naceu como homenaxe á avoa da autora e trasladouse ao proxecto final de Formación Profesional de Fotografía, estudos que Esther López cursou na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón.

“É un verdadeiro orgullo acoller esta exposición de homenaxe aos nosos maiores e ao noso rural, un compromiso que está precisamente no centro da acción política da Deputación. Traballamos cada día para achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, como por exemplo, cos centros de atención ás persoas maiores, que xustamente se caracterizan porque neles ofrecemos unha asistencia pública de calidade e porque favorecen o arraigo, axudan a que os maiores poidan quedarse no lugar no que viviron toda a súa vida”, explicou Pablo Rivera. 

Esther López destacou que “Enrugas é a historia dos nosos maiores a través das imaxes de persoas de entre 70 e 100 anos do rural, persoas que traballaron e que as súas mans son un retrato da súa vida de traballo”. Explicou que o rural converteuse no centro do proxecto, xa que a súa orixe está nel e que, pese a comezar a traballar os retratos, “as mans contábanme historias, dicían algo máis” e por iso as incorporou a este traballo.

Os concellos de Viveiro e Carral galardoaron dúas fotografías deste proxecto, que agora pode verse no Pazo de San Marcos, e recibiu os premios extraordinarios nas Ensinanzas Artísticas Profesionais nas modalidades de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño de Galicia, no curso 2020/21.