Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación defende un rural que “avance e teña futuro” na celebración do Día do Veciño

Federación de Asociacións de Veciños
José Tomé participou este domingo na 20ª edición deste encontro, que tivo lugar no Pazo de Feiras e para o que a Deputación achega 18.000€ destinados, entre outros fins, a distribuír entre os asistentes produtos de proximidade para favorecer a súa promoción e consumo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo foi recoñecida coa V de Veciño nesta cita que reuniu a máis de 5.000 persoas de entidades e colectivos da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo no Día do Veciño 2022, organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo no Pazo de Feiras e Congresos da cidade lucense. Esta cita, que chega á 20ª edición e reuniu arredor de 5.000 persoas, conta cunha achega da Deputación de 18.000€, destinados, entre outros fins, a distribuír entre os asistentes produtos de proximidade para favorecer a súa promoción e consumo.

José Tomé puxo en valor o traballo de “cada unha das persoas que forman parte das asociacións que integran a Federación veciñal”, o seu “esforzo constante para manter vivo o espírito de veciñanza” durante os dous anos de pandemia e a “súa capacidade para organizar de novo este encontro co seu esplendor orixinal”. “O lema deste ano -nunca deixes de loitar- define moi ben o espírito do movemento veciñal de Lugo. Un movemento responsable, reivindicativo e cheo de propostas, que leva anos traballando para axudar o desenvolvemento da nosa provincia”, asegurou.

Na Deputación, subliñou, “compartimos o compromiso de esforzo constante para mellorar a  calidade de vida dos nosos veciños, especialmente dos do noso rural”, motivo polo que a súa prioridade é “mellorar e acercar os servizos públicos á xente”, “colaborando cos concellos e co tecido social e económico con investimentos e con medidas moi concretas, pero tamén reivindicando o que esta provincia necesita e merece”. 

O rural, recalcou neste sentido, “precisa do respaldo de todas as administracións. Necesita máis médicos, máis pediatras, máis profesores, máis escolas, máis centros de maiores, necesita máis conexión a internet, oficinas bancarias ou un plan eficaz contra a lacra dos incendios forestais. Necesita compromisos reais, con presenza real no territorio os 365 días do ano. Asumindo cada un as súas responsabilidades”. 

Por parte da Deputación “non vai quedar, seguiremos traballando cos veciños para  conseguir que o noso rural avance e teña futuro”, afirmou.

Premios V de Veciño

O Presidente felicitou ás 25 persoas recoñecidas pola Federación de Asociacións veciñais cos premios V de Veciño, entre elas, a Voceira provincial socialista e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. “Non hai premio máis fermoso, que provoque tanto orgullo, que aquel que che entregan os teus veciños porque consideran que aportaches valor, cousas positivas, á comunidade”, sinalou José Tomé.