Deputación de Lugo

Un centenar de participantes nas xornadas micolóxicas organizadas pola Deputación

Micolucus
O Deputado de Medio Ambiente inaugurou este luns, no Pazo de San Marcos, esta acción formativa, que imparte a Sociedade Micolóxica Lucus e que se desenvolverá ao longo de toda a semana no Salón de Actos e nos bosques do entorno do Río Rato

Raposo destacou que a institución provincial, como xestora desta reserva da biosfera, impulsa este tipo de iniciativas “que forman parte do noso compromiso de preservar a biodiversidade e de favorecer o aproveitamento sostible dos nosos recursos naturais, pero tamén de afondar nunha tradición moi arraigada na nosa provincia”

O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, inaugurou este luns no Pazo de San Marcos as xornadas micolóxicas que organiza a Deputación de Lugo dentro do programa de actividades gratuítas de educación ambiental e de lecer que desenvolve a institución provincial na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Esta acción formativa, que impartirá ao longo desta semana –ata o sábado 29 de outubro- a Sociedade Micolóxica Lucus, cubriu as 100 prazas dispoñibles.

Raposo deu a benvida ás persoas anotadas nesta iniciativa xunto ao Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, e destacou que a institución provincial, como xestora desta reserva da biosfera impulsa este tipo de iniciativas “que forman parte do noso compromiso de preservar a biodiversidade e de favorecer o aproveitamento sostible dos nosos recursos naturais, pero tamén de afondar nunha tradición moi arraigada na nosa provincia”.

Estas xornadas micolóxicas inclúen un total de 13,5 horas de formación, divididas en 5 días de sesións teóricas, impartidas no Salón de Actos da Deputación; e unha sesión práctica, dunha duración de tres horas e media, que terá lugar o sábado polos bosques próximos ao Centro de Interpretación Terras do Miño. Os participantes coñecerán a importancia dos ecosistemas naturais; as boas prácticas a empregar na actividade micolóxica e a identificación das diferentes especies de cogomelos nos seus hábitats.