Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo apoia a XIV edición da Tasca do Liño de San Bartolomeu de Insua

tasca do liño
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, xunto á Alcaldesa de Vilalba e á presidenta da Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, presentou esta cita, que se celebrará o vindeiro sábado no Campo da Festa da parroquia chairega

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este mércores no Pazo de San Marcos a XIV edición da Tasca do Liño de San Bartolomé de Insua, en Vilalba, que se celebrará o vindeiro sábado na parroquia chairega. A Deputación de Lugo colabora con esta cita cunha achega de institución provincial colabora con 2.000 euros. 

No acto tamén participaron a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta da Asociación Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato. 

García Porto felicitou á entidade organizadora da Tasca do Liño, poñendo en valor que a cita “visibiliza un oficio vencellado ao noso rural que permanecía esquecido en moitos lugares”. “Recuperan o noso pasado para que poidamos ter futuro, porque toda a nosa tradición, esa gran riqueza do patrimonio material e inmaterial que temos como país, debe ser un elemento para seguir impulsando o desenvolvemento do noso rural”, sinalou a Deputada.

Incidiu neste sentido en que a Deputación apoia a Tasca do Liño “porque promociona e coida todo o noso legado cultural e, ademais, contribúe á promoción do territorio e a situar no mapa parroquias coma A Insua”.

O programa

A Tasca do Liño comezará o vindeiro sábado ás 11:15 horas coa lectura do pregón a cargo da escritora Marica Campo. Posteriormente haberá un recital poético da man de Anxo Angueira, a demostración da tasca do liño  e a actuación da Charanga de Vilalba.

Pola tarde, de 15.00 a 19.00 horas, celebrarase unha demostración de pandeiros e xogos tradicionais con XOTRAMU. Ás 16.30 horas entregaranse os premios do certame de debuxo e poesía. Tamén haberá degustacións e unha nova demostración da tasca do liño. Para rematar a cita terá lugar unha actuación da escola de baile tradicional OxeitO e o Conxura da Queimada, a cargo de Manuel Ferreiro.