Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo licita as obras de construción da residencia de Guitiriz por 2M€

Casa da Botica
rede viaria provincial
A Xunta de Goberno aprobou a contratación das obras coa previsión de que sexan adxudicadas neste ano, cumprindo co compromiso adquirido polo Presidente

Adxudicadas por case 850.000€ obras para a mellora de cinco estradas da institución provincial, ao seu paso polos concellos de Taboada, Baralla, Antas de Ulla, Lugo e Sober

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras para construír o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz, cun orzamento de preto de 2M€, coa previsión de que queden adxudicadas antes de final de ano. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, “cumpre así co compromiso que avanzou durante o acto no que asinou coa Alcaldesa de Guitiriz o convenio de colaboración para a construción da residencia”.

O orzamento sube un 30%, uns 450.000€ máis, con respecto ó anterior proxecto, “un incremento importante que asume integramente a Deputación de Lugo”, destacou o Deputado, quen lembrou que a institución tivo que reiniciar o proceso “practicamente de cero”, despois de que un temporal provocara o colapso da Casa da Botica, o edificio no que estaba previsto albergar gran parte das instalacións.

Neste sentido, Rivera Capón sinalou que foi necesario resolver o contrato coa empresa adxudicataria das obras; redactar o novo proxecto cuxa licitación aprobou hoxe a Xunta de Goberno, que tivo que validar o servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; e aprobar e firmar un novo convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello. “Foi un traballo arduo, que fixemos nun tempo creo que bastante razonable, e que demostra o compromiso absoluto que temos na Deputación co Concello e cos veciños e veciñas de Guitiriz para construír a tan ansiada residencia”, destacou.

Este proxecto “permitirá a construción dunhas instalacións máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ao modelo asistencial implantado pola institución provincial en colaboración cos concellos”, explicou Pablo Rivera, quen engadiu que se respectan os elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira, que quedarán integrados no novo edificio.

Estradas provinciais

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación por case 850.000€ de obras para o acondicionamento de cinco estradas da Deputación de Lugo ao seu paso polos concellos de Taboada, Baralla, Antas de Ulla, Lugo e Sober. 

No concello de Taboada  a institución acometerá, cun investimento de 150.000€, a rehabilitación do firme da LU-P-6001, entre a propia vila de Taboada e os núcleos de Ada e Mundín. Uns traballos, adxudicados á empresa Francisco Gómez y Cía SL, que se desenvolverán entre os puntos quilométricos 6,1 e 9,9, cun prazo de execución de un mes e dúas semanas. Estas obras darán continuidade a outras que a Deputación executou recentemente nesta vía, dentro dun conxunto de actuacións acometidas en estradas provinciais ao seu paso por Taboada cun investimento total de 90.000€.

En Baralla, a Deputación adxudicou a rehabilitación do firme da LU-P-0508, que une Condomiña con Gasalla pasando por Castrolanzán, nos 2,5 primeiros quilómetros, cun orzamento de preto de 160.000€ e un prazo de execución de mes e medio. 

En Antas de Ulla, a empresa Francisco Gómez y Cía SL resultou a adxudicataria das obras de dúas estradas provinciais por un importe de  preto de 270.000€. Na LU-P-0304, que vai dende Arcos ata o límite da provincia de Pontevedra, en Salto da Agüela, actuarase nun treito duns 4,5 quilómetros; e na LU-P-0305, que vai de Gradoi ata Cruceiro, faranse obras dende o inicio da vía ata o quilómetro 1,2.

No caso de Lugo, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar por un orzamento superior aos 146.000€ a mellora do firme da estrada do Rato, a LU-P-2925, nos tres primeiros quilómetros da vía, e un prazo de execución de dous meses.  Será o Grupo Bascuas 2008 SL o responsable deste contrato.

O Deputado destacou o sobreesforzo que a Deputación leva a cabo “para a conservación e mellora da estrada do Rato porque soporta unha elevada densidade de tráfico, moito maior da que lle correspondería polas propias características da vía, xa que a Xunta, como tantas outras infraestruturas estratéxicas para a nosa provincia, ten pendente de executar a segunda fase da Ronda Leste”. “Lamentablemente, despois de case 14 anos sen facer nada, o vindeiro 2023 tampouco veremos nin un metro de obra feito, porque o Goberno galego sabe ben que as previsións que fai son irrealizables”, sinalou.

En Sober, a Deputación adxudicou obras de mellora na estrada LU-P-5904, que une Sober con Vilachá pasando por Gundivós, cun investimento superior aos 120.000€. A vía rehabilitarase no tramo inicial e melloraranse os accesos a Santa Cruz e Sanmil, entre os quilómetros 5,5 e 12. A adxudicataria, Hordescón SL, terá dous meses de prazo para executar os traballos.

Por último, en materia de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou a cesión á empresa Costrucciones Isidro Otero SL do lote número 2 do contrato de servizos para a conservación da rede viaria provincial, que é o correspondente aos concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.

Acelera PEMES

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria pública e as bases que rexerán o procedemento para seleccionar o persoal que desenvolverá traballos vinculados ao programa Acelera PEMES, un proxecto dotado con 500.000€ que a Deputación arrancará nas vindeiras semanas grazas aos fondos que conseguiu captar da Unión Europea. 

Rivera Capón lembrou que este programa ofrecerá “apoio e asesoramento gratuítos ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital para modernizar e para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, incluso, para que poidan estar mellor preparadas ante situacións adversas, como foi a crise da Covid”.

Nos vindeiros días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia as bases de ambos procesos selectivos.