Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa I Feira de Outono das Emprendedoras do Rural que se celebra hoxe en Lugo

emprendemento feminino
O Deputado de Participación Cidadá participou esta mañá na inauguración desta primeira xornada divulgativa, na que unha vintena de empresas e iniciativas lideradas por mulleres expoñen os seus produtos e servizos no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros

García Pernas: “esta feira demóstranos que a forza do emprendemento feminino está moi viva, o que supón novas oportunidades de desenvolvemento e de emprego para o noso rural, tanto en actividades tradicionais como a gandería, a cestería ou a produción leiteira, como librerías ou mesmo biocosmética”

A feira, que estará aberta ata as 20:00 horas, contará tamén con mesas redondas, e obradoiros gastronómicos e artesanais

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz, xunto a outras autoridades, inauguraron a I Feira de Outono das Emprendedoras do Rural, que se celebra na xornada deste venres no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros da capital lucense, coa participación dunha vintena de expositores de empresas e iniciativas emprendedoras lideradas por mulleres.

A Deputación de Lugo colabora xunto ao Concello nesta xornada divulgativa que promove o Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), a través do programa Woman Emprende, e que ten por obxectivo facer visible o peso das mulleres no emprendemento rural. Ademais, o Servizo de Audiovisuais da institución provincial realizará ao longo da xornada entrevistas ás participantes que formarán parte do arquivo da Universidade.

García Pernas destacou que esta primeira feira de emprendemento “define moi ben o tipo de iniciativas que a Deputación de Lugo apoia en colaboración coa Universidade”. Este tipo de encontros, dixo, “demóstranos que a forza do emprendemento feminino está moi viva”, e isto supón “novas oportunidades de desenvolvemento e de emprego para o noso rural, tanto en actividades tradicionais como a gandería, a cestería ou a produción leiteira, como librerías ou mesmo biocosmética”. Polo tanto, esta feira que hoxe comeza a súa andaina “de seguro será unha nova iniciativa de éxito para a cidade”, recalcou o Deputado.


Apoio ás emprendedoras

O apoio ao rural “vertebra todas as políticas públicas que levamos adiante na Deputación”, nas que ademais “aplicamos de maneira transversal a perspectiva de xénero”, subliñou García Pernas. A través da cooperación cos concellos e co tecido asociativo da nosa provincia, “buscamos achegar e mellorar os servizos públicos no rural, e axudar ao mantemento e á creación de emprego”, engadiu o Deputado, poñendo como exemplo a rede de centros públicos de atención a maiores, na que o 95% do persoal son mulleres, ou programas como Feminino Rural, co que ofrece apoio e asesoramento gratuítos ás mulleres empresarias e emprendedoras do rural .

As empresas e iniciativas que presentarán os seus produtos e servizos nesta primeira edición son: Muuhlloa, Cerneda, Gandeiría Quitián, Tres Fuciños Porco Celta, Abadía da Cova-Adegas Moure, Ceniza de papel, Lucecús, Maripaz Lorenza, Ribeiregas, Tropic Gaia, Quinta Sacra, Embutidos Suarna, Rural o Urbano, Mi madre no me deja, Xianas, Pau Decó, Argaia Biocosmética, Caurelor, Aobá Upcycling, Mira Tú, e A Libraría de Proencia.

O programa da feira, que estará aberta ata as 20:00 horas, conta con mesas redondas, e obradoiros gastronómicos e artesanais, en quendas de mañá e tarde. A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participará esta tarde no acto de clausura.