Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia de Deputación de Lugo colabora no financiamento dun proxecto de investigación no castro de Rueta, en Cervo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
patrimonio
MARIÑA PATRIMONIO
CASTRO DE RUETA
Cervo
CSIC
Investigadores do CSIC desenvolverán un estudo preliminar do xacemento, impulsado por Mariña Patrimonio

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo cofinanciará un estudo preliminar do castro de Rueta, en Cervo, impulsado por Mariña Patrimonio. A través dunha achega de 5.000 euros, a área de Cultura colaborará no financiamento do proxecto que desenvolverán investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e que ten como obxectivo avaliar o estado de conservación do xacemento e a súa idoneidade para actuacións máis ambiciosas nun futuro próximo.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, valorou “o paso adiante que dá Mariña Patrimonio en relación con este xacemento, que xa viña divulgando a través de diferentes iniciativas”, e sinalou que “este tipo de proxectos demostran a importancia dun tecido cultural e social sólido, que desde a Vicepresidencia da Deputación tratamos de reforzar a través de distintas liñas de axuda”.

A responsábel de Cultura destacou ademais “a traxectoria de Mariña Patrimonio no coidado do territorio e na divulgación do patrimonio, con charlas, rutas e outras actividades que amplían o coñecemento e a sensibilidade da cidadanía respecto destes recursos, estimulando o interese pola conservación dos bens patrimoniais”.

Neste sentido, paralelamente ao traballo científico, desenvolveranse varias actividades divulgativas, entre as que cabe citar a visita guiada ao castro do mércores, na que participará alumnado dos centros educativos do municipio. Ademais, ese mesmo día, ás 16.30 horas, haberá unha xornada de portas abertas para o público en xeral.