Deputación de Lugo
Turismo

40 cociñeiros e cociñeiras de toda Galicia viaxan no catamarán da Deputación nunha visita á Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
catamaráns
O Deputado de Promoción Económica e Social recibiu esta mañá aos profesionais no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, onde realizaron a ruta fluvial polos Canóns do Sil nunha das embarcacións xestionadas pola institución provincial

Rivera Capón sinalou que esta iniciativa organizada pola Asociación de Cociñeiros da Provincia de Lugo responde ao modelo de turismo que impulsa a institución, “de calidade e sostible, de experiencias, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, e que contribúe a crear riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, deu a benvida na mañá deste luns aos corenta cociñeiros e cociñeiras chegados de toda Galicia que participan, ao longo do día de hoxe, nunha visita pola Ribeira Sacra organizada pola Asociación de Cociñeiros da Provincia de Lugo coa colaboración da Deputación. Pablo Rivera recibiu aos participantes no embarcadoiro de Ponte do Sil, situado en Monforte, desde onde realizaron a ruta fluvial polos Canóns do Sil nun dos catamaráns que xestiona a institución provincial.

O Deputado, que acompañou aos participantes durante a travesía, sinalou que "é un luxo para nós contar nunha das xoias da nosa provincia coa calidade de profesionais da cociña galega que están hoxe aquí", e destacou a importancia destes encontros que combinan "gastronomía, cultura, paisaxe e patrimonio, compoñentes todos que estou seguro de que servirán de novas inspiracións para as próximas elaboracións destes profesionais, imprimindo nelas a paisaxe deste territorio, e levando a marca Ribeira Sacra polos mellores restaurantes da comunidade galega".

A colaboración provincial nesta iniciativa responde á clara aposta polo modelo de turismo que impulsa a Deputación, “de calidade e sostible, de experiencias, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, e que contribúe a crear riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”, engadiu Rivera Capón, quen lembrou ademais a activa colaboración que o organismo provincial mantén coa Asociación de Cociñeiros de Lugo, a través por exemplo de programas como o Saborea a túa provincia ou na promoción de produtos como o bonito de Burela, na feira de exaltación deste produto que celebra o concello mariñán.

A xornada, coordinada polo propietario do restaurante soberino Berso, Martín Mantilla, e que reúne a restauradores das catro asociacións provinciais de Cociñeiros de Galicia, inclúe tamén ao longo do día unha visita ao Miradoiro de Santiorxo, e unha degustación de produtos típicos e de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Pola tarde, os cociñeiros asistirán a catas dos viños elaborados por varias adegas da zona de Amandi, situadas en Sober. En concreto, visitarán a Rectoral de Amandi, Don Bernardino e Guímaro.