Deputación de Lugo
Formación

A Deputación promove coa Academia Galega de Ciencias e a USC o Ciclo Luis Asorey sobre o patrimonio ambiental

USC
ciclo luis asorey
As xornadas, de asistencia libre e gratuíta, abordarán na súa 23ª edición o capital natural e os servizos ecosistémicos como base da nova economía entre os días 14 e 23 de novembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos

A Deputación de Lugo promove xunto coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e o Campus Terra da USC a 23 edición do Ciclo Luis Asorey sobre patrimonio ambiental, que nesta ocasión abordará o capital natural e os servizos ecosistémicos como base da nova economía. As xornadas, de asistencia libre e gratuíta, celebraranse entre os días 14 e 23 de novembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

O ciclo, estruturado en torno a relatorios, abordará a importancia dos ben naturais e as súas externalidades, a restauración do capital natural tras os incendios forestais, os servizos ecosistémicos da Rede Natura 2000, os servizos ambientais na nova Política Agraria Común, a paisaxe, a compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro, a biodiversidade, os servizos ecosistémicos dos sistemas agroforestais ou o valor de monumentos naturais como son as árbores senlleiras.

As xornadas están coordinadas por Antonio Rigueiro, Catedrático Emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC. As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web: https://www.ragc.gal/event/xxxiii-xornadas-luis-asorey-o-capital-natural-e-os-servizos-ecosistemicos-a-nova-base-da-economia/

Programación

Luns, 14 de novembro
A Catedrática do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Académica Numeraria da RAGC, María Loureiro, ofrecerá a ponencia Restaurando o capital natural: lumes e accións postincendios.


Martes, 15 de novembro
Valoración económica das externalidades da Rede Natura en Galicia será a cargo do científico titular do Instituto de Investigacións Mariñas, Mario Soliño Millán.


Mércores, 16 de novembro
A nova PAC e os pagos por servizos ambientais en Galicia estará a cargo do profesor titular do departamento de Economía Aplicada, Edelmiro López Iglesias.

Xoves, 17 de novembro
O Catedrático de Enxeñaría e Xestión Forestal e Ambiental, Luis Díaz Balteiro abordará A manipulación das externalidades.

Luns, 21 de novembro
Mesa redonda O valor dos servizos ecosistémicos, moderada por Antonio Rigueiro e coa participación da Directora Xeral de Desenvolvemento Rural e AGADER, Inés Santé Riveira, que falará do Valor da paisaxe; o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans del Valle, que analizará a Compensación por CO2; e o Doutor de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Emilio Díaz Varela, que abordará O Valor da biodiversidade.

Martes, 22 de novembro
A Catedrática en Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo Raquel Mosquera Losada falará sobre os Servizos ecosistémicos nos sistemas agroforestais.

Mércores, 23 de novembro
O Catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez impartirá unha conferencia sobre Árbores senlleiras de Galicia: un patrimonio natural valioso.